Esíxelle compromiso orzamentario ao goberno galego e acusa a Augas de “invitar para que paguen outros”
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024. A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe ao goberno galego de “dar largas” dende o ano 2015 coa nova Edar de San Miguel de Reinante, no Concello de Barreiros, e poñendo en perigo a saúde dos veciños e veciñas do Concello, que teñen problemas para empregar a auga corrente para uso doméstico. Reclamoulle á Xunta que comprometa orzamento para este proxecto e acusounos de “invitar para que outros paguen”.
Fixo alusión así ao anuncio do responsable de Augas de Galicia, que supedita a obra á existencia de fondos de outras administracións. Méndez acusou ao goberno galego de marxinar aos veciños e veciñas deste concello da Mariña, negándolles a Edar mentres no concello de Ribadeo, gobernado polo PP, conta con 5 millóns de euros de orzamento comprometido para o financiamento do proxecto de abastecemento.
Méndez explicou que os socialistas levan demandando a Edar dende o ano 2015, que no 2017 contaba con proxecto construtivo, pero foi paralizado dende o ano 2019, cando o PP perdeu a alcaldía. Afeoulle que no pasado mes de agosto enviaron unha resposta por escrito advertindo de que a nova Edar non cumpría cos requisitos para aspirar a fondos europeos, cando lembrou que no caso de Ribadeo o goberno galego asume o investimento en solitario.
A responsable socialista salientou as xestións da tenente de alcaldesa do concello, a socialista Carmen Veiga, que “lea anos pelexando por esta infraestrutura primeiro dende a oposición e agora dende o goberno. Sinalou que a responsable socialista ten feito a xestión de convocar unha xuntanza co Ministerio para buscar fondos “porque lle preocupan a comarca, os veciños e a infraestrutura” fundamental para o Concello.