Lara Méndez ironiza que “entraron uns gandeiros e saíron uns gaiteiros” e puntualiza que “pódense diversificar os usos das instalacións, pero aquí estamos a falar de falsidade documental”
A responsable socialista ironizou sinalando que “aquí entraron uns gandeiros e saíron uns gaiteiros, pero esta vez facendo uso fraudulento das instalacións”, e esixiulle ao goberno galego que tome medidas como mínimo iniciando un expediente informativo e investigando os feitos. Advertiu que “solicitouse para un fin e utilizouse para outro”, co agravante de que a asociación non está rexistrada, e “polo tanto ben pode ser un grupo de amigos do alcalde que utilizou como tapadeira”.
Explicou que mentres a Axencia Galega de Calidade Alimentaria autorizaba á dita asociación para utilizar as instalacións do Pedro Murias para unha actividade agraria, o Concello trasladáballe á Deputación de Ourense a escaleta das festas, na que figuraba a chegada da banda de gaitas ao Centro o sábado 7 e un pincho ás dúas da tarde do domingo no mesmo Pedro Murias.
Méndez compartiu a diversificación dos usos das instalacións do centro de formación agraria de Ribadeo, pero advertiu que “aquí estamos a falar de falsidade documental, dunhas instalacións solicitadas para un fin e utilizadas para outro”. Advertiu que “ser alcalde no implica que estea por riba da legalidade”, e alertou da “forma de actuar” do rexedor, que xa acumula dous expedientes abertos “e algunha sanción” por parte da Deputación de Lugo e o Ministerio de Mobilidade.
Preguntoulle á Xunta polos usos que lle están a dar ao centro, que rexistrou apenas 6 accións e 136 horas formativas durante todo un ano, o que evidencia que “teñen un rendemento baixísimo”. Reclamoulle á Consellería do Medio Rural que impulse o uso destas instalacións para reforzar a formación do sector agrario e como un factor importante na remuda xeracional, aproveitando os recursos para organizar por exemplo “colivings” agrarios e ofrecer formacións concentradas.