Site icon Crónica3.com A Mariña

Izamento da bandeira galega na Praza do Souto de San Miguel de Reinante

Barreiros, 23 de novembro, 2024. Máis dun cento de persoas reuníronse na mañá de hoxe sábado no acto de izamento da bandeira galega na Praza do Souto de San Miguel de Reinante, organizado pola plataforma Vía Galega, contando coa colaboración do Concello de Barreiros.

Con este tipo de actos, que se desenvolveron simultaneamente por todas as comarcas e en multitude de concellos do noso País, pretendeuse celebrar o 106 aniversario da efeméride da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, celebrada en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918.

Co izamento de bandeiras en lugares públicos, con intención de permanencia, ponse remate á campaña de exhibición da bandeira galega en fiestras e varandas de domicilios particulares realizada do 17 ao 23 deste mes de novembro.

O coordinador de Vía Galega na Mariña, Anxo Martíns, destacou na lectura do manifesto a importancia deste tipo de actividades para difundir e popularizar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira, e para realzar a nosa autoestima colectiva como galegas e galegos, necesaria para loitar contra a secular subordinación e dependencia de Galiza, que nos impide o desenvolvemento da nosa riqueza e da nosa cultura.

En nome de Vía Galega, agradeceu ao Concello de Barreiros a súa resposta positiva e a súa colaboración para deixar colocada para sempre a nosa bandeira nesta praza emblemática.

Pola súa parte, a Alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, manifestou que desde o primeiro momento lles parecera moi afortunada a idea de instalación da bandeira galega na Praza do Souto de San Miguel de Reinante, na cal se sitúa a casa natal de Antón Moreda, o galeguista fundador do Consello da Mocedade Galeguista, feito que a dota de simboloxía para todas as persoas amantes e defensoras do noso país.

O acto, no cal diversos veciños procederon á lectura de poemas relativos á bandeira, finalizou co canto do Himno Galego.

Exit mobile version