O evento, que tamén conta cunha andaina, pecha inscricións o xoves 7 de novembro
Barreiros, 6 de novembro de 2024. Máis de 200 persoas xa están inscritas na sexta edición da carreira popular Ao Son do Masma, última proba das 6 que compoñen o circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros e que terá lugar este domingo, 10 de novembro desde as 10:30 horas nas escolas de Celeiro de Mariñaos.
O prazo de inscrición estará aberto ata este xoves 7 de novembro e farase a través da web oficial do circuíto www.maiskmsbarreiros.gal. A proba conta con categoría adulta (salmóns), sub-16 (sollas), sub-14 (lampreas), sub-12 (anguías), sub-10 (reos), sub-8 (troitas) e pitu@s (troitiñas). Todas as categorías de menores son con inscrición gratuíta.
A saída da andaina, que terá un percorrido de 9 km, será ás 10:30 horas, logo, a partir das 11:00 h. terán lugar as probas infantís e xa, ás 12:00 h. darase a saída da proba absoluta. Os dorsais de todas as probas poderán ser recollidos a partir das 10:00 horas nas escolas de Celeiro de Mariñaos.
Circuíto +KmsBarreiros
O Circuíto de Carreiras Populares de Barreiros é un evento anual organizado polo Concello de Barreiros dende a súa área de Dinamización e Participación Veciñal que recibe o nome de “Circuíto +KmsBarreiros” e que vai xa pola súa terceira edición.
Neste circuíto enmarcase as 6 carreiras populares que se celebran en Barreiros: a carreira solidaria de Reis (xaneiro), a carreira popular Das Praias (abril), a subida ½Km Vertical (xullo), a carreira popular Benquerencia Terra Mar (agosto), o trail Monte Comado (outubro) e a carreira Ao Son do Masma (novembro).
O concelleiro de dinamización, Dani García apunta que: “Á falta de disputarse a última proba deste circuíto que terá lugar o domingo en Celeiro, a clasificación está moi aberta na maioría de categorías polo que agardamos unhas carreiras moi interesantes”. O concelleiro subliña que “á marxe das clasificacións e os premios finais, o circuíto o que busca e fomentar a práctica deportiva á vez que se organizan eventos de ocio que atraen un turismo natural e desestacionalizado que descubre as bondades do noso territorio tan rico de recursos naturais”.
García agradece ás asociacións organizadoras das probas, A.D. Praias de Comado, A.D. Augas Santas e C.C. Ollomao o seu compromiso e traballo para levar a cabo estas carreiras populares así como aos establecementos colaboradores e os voluntarios de Protección Civil de Barreiros. “Sen o apoio de todas estas persoas que xeran unha rede asociativa sería moi difícil levar a cabo un circuíto destas características e máis convertelo nun referente na comarca como está a ser o +KmsBarreiros polo que quero agradecer publicamente a súa gran labor”.