A Mariña, 14 de novembro, 2024. Este domingo, 17 de novembro, celebraremos conxuntamente en Foz e en Ferrol a Segunda Xornada da Infancia e da Familia da Diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Organizada pola Mesa Social, a Xornada terá lugar, en horario de 11:00 a 14:00 horas, nos colexios Nosa Señora do Pilar de Foz e Tirso de Molina de Ferrol, e faise coincidir co domingo anterior á conmemoración do Día Mundial da Infancia (20 de novembro).
Trátase dun encontro festivo dirixido aos nenos, nenas e adolescentes, contando, ademais, coa participación das súas nais e pais e, tamén, dos seus catequistas.
A temática desta segunda Xornada será a interculturalidade, que os nenos terán xa traballado previamente nas catequeses anteriores a este domingo, para, finalmente, plasmala este día a través dunha serie de actividades lúdico-recreativas. Loxicamente, haberá unha proposta diferente para os máis pequenos e outra para os adolescentes.
Ao mesmo tempo, aproveitarase a presenza de nais, pais e familiares para levar a cabo unha reflexión compartida sobre ese mesmo tema dunha forma amena, mentres se comparte un café.