Nun principio, San Martiño aparecerá non só como vertebrador do territorio na súa época, senón que ademais realizaremos un traballo específico onde intentaremos relacionar o concepto do porqué do seu valor artístico asociado co coñecemento do seu período histórico. Trataremos de mostrar como o quadrivium, base da formación educativa da época medieval, aparece reflexado nas dimensións e espazos da catedral, dando así un enfoque, para intentar comprender os valores que fan que a obra de Arte chegue ata nós con esta categoría.
Achegamos unha pequena información de como foi concebíndose a obra na súa planificación dende a Astronomía, Aritmética, Xeometría e Música, coñecementos imprescindibles na Idade Media, que como xa citamos, leva a denominación de Quadrivium.
O día 11 de novembro festéxase a onomástica de San Martiño, curiosamente no noso espazo catedralicio conflúen o Santo de Tours e o de Dumio, sirvan estas cortas liñas para anunciar una pequena pincelada do que pode representar este proxecto.
Partindo das investigacións realizadas, emerxe a figura de San Rosendo como o creador do espazo actual catedralicio (hoxe basílica) segundo R. Izquierdo Perrín. Podemos afirmar que a Astronomía é a causante das dimensións totais da catedral grazas ao coñecemento de San Rosendo, autor do proxecto inicial da obra arquitectónica.
Lino Cabezas, San Isidoro, Jean-Paul Lemonde, Thomas.F Glick, U. Eco, Manuel Núñez, Juan Vernet, L. Arias Páramo.…son, entre outros, fontes da nosa bibliografía que fixeron posible achegarnos a esta conclusión.
No plano adxunto da igrexa que aparece na fig. 1, podemos afirmar que: A liña de orientación da primitiva Sé, xunto a sombra dun poste ca altura do paramento vertical da obra ao mediodía, e a perpendicular por este último punto, marcando o E-W real, determinan o ancho e lonxitude total do monumento dende o punto central da ábsida ata o establecemento do vano da porta W. Así mesmo presentamos un bosquexo da posible ábsida en construción.
Este saber astronómico xunto á Aritmética e a Xeometría da como resultado un son, fillo da Música, para achegarnos ao coñecemento dos/as creadores/as que fixeron posible a construción de San Martiño de Foz.