A Mariña, 11 de novembro, 2024. San Martiño de Foz é a desculpa da presentación nos próximos meses dun proxecto que ten como fin a Mariña lucense, e que será presentado por Galaicos Visual, autora da Estación Visual A Coruña. Presentaremos a proposta do proxecto denominado Estación Visual A Mariña, tendo como experiencia o realizado na Coruña coa Torre de Hércules e o seu espectro xeográfico do golfo Ártabro. Dentro desta proposta visual do pasado, reflexionaremos sobre a evolución do territorio e a aparición da catedral de San Martiño no mesmo, engadindo os xacementos catalogados necesarios do concello , neste caso de Foz, e que se somos quen de conseguir a financiación axeitada, abarcará todos os concellos da comarca.
Nun principio, San Martiño aparecerá non só como vertebrador do territorio na súa época, senón que ademais realizaremos un traballo específico onde intentaremos relacionar o concepto do porqué do seu valor artístico asociado co coñecemento do seu período histórico. Trataremos de mostrar como o quadrivium, base da formación educativa da época medieval, aparece reflexado nas dimensións e espazos da catedral, dando así un enfoque, para intentar comprender os valores que fan que a obra de Arte chegue ata nós con esta categoría.
Achegamos unha pequena información de como foi concebíndose a obra na súa planificación dende a Astronomía, Aritmética, Xeometría e Música, coñecementos imprescindibles na Idade Media, que como xa citamos, leva a denominación de Quadrivium.
O día 11 de novembro festéxase a onomástica de San Martiño, curiosamente no noso espazo catedralicio conflúen o Santo de Tours e o de Dumio, sirvan estas cortas liñas para anunciar una pequena pincelada do que pode representar este proxecto.
Partindo das investigacións realizadas, emerxe a figura de San Rosendo como o creador do espazo actual catedralicio (hoxe basílica) segundo R. Izquierdo Perrín. Podemos afirmar que a Astronomía é a causante das dimensións totais da catedral grazas ao coñecemento de San Rosendo, autor do proxecto inicial da obra arquitectónica.
Lino Cabezas, San Isidoro, Jean-Paul Lemonde, Thomas.F Glick, U. Eco, Manuel Núñez, Juan Vernet, L. Arias Páramo.…son, entre outros, fontes da nosa bibliografía que fixeron posible achegarnos a esta conclusión.
No plano adxunto da igrexa que aparece na fig. 1, podemos afirmar que: A liña de orientación da primitiva Sé, xunto a sombra dun poste ca altura do paramento vertical da obra ao mediodía, e a perpendicular por este último punto, marcando o E-W real, determinan o ancho e lonxitude total do monumento dende o punto central da ábsida ata o establecemento do vano da porta W. Así mesmo presentamos un bosquexo da posible ábsida en construción.
Este saber astronómico xunto á Aritmética e a Xeometría da como resultado un son, fillo da Música, para achegarnos ao coñecemento dos/as creadores/as que fixeron posible a construción de San Martiño de Foz.