Foz, 28 de novembro de 2024. Foz continúa esta fin de semana coa súa ampla programación cultural, con dúas representacións teatrais e un concerto.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “o Concello de Foz é sinónimo de investimento cultural. Esta fin de semana volve a ser intensa, con actividades todos os días e para toda a familia” e especifica: “este venres comezamos coa representación teatral Invisibles, de Redrum Teatro. Será na Sala Bahía ás 20:30 horas, con entradas a 5 euros. Invisibles é todo o que non queremos que sexan os casos de violencia contra a muller. Por iso traemos esta obra con fonda mensaxe social.
O sábado ás 20.00 horas na Sala Bahía a Banda de Música de Foz celebrará o seu concerto de Santa Icía, para facernos desfrutar a todos da boa música. Este ano os colaboradores son mestres do jazz, que os acompañarán para deleitarnos co seu ritmo. E para cerrar unha finde completa de actividade, o domingo ás 12.00 horas chega á Casa da Cultura Manuel María a obra de teatro Kyoki, da compañía Elefante Elegante. Á entrada será a 2 euros para os nenos e 3 euros os adultos. Kyoki significa demencia. É unha obra para familias na que o público se implica e na que coa linguaxe xestual se fala da memoria da vellez, da soidade e da dura tarefa dos coidados. Unha obra para reflexionar”.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, recomenda “pasar por Foz esta fin de semana xa que é sinónimo de actividade. Estamos no preludio do Nadal e da nova programación, que terá o seu inicio o día 5 de decembro, co acendido da iluminación e para o que xa se está a preparar todo”.