Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz abre este luns a sala de estudos da Biblioteca Salgado Toimil

Foz, 16 de novembro de 2024. O Concello de Foz abrirá a sala de estudos da biblioteca municipal Salgado Tomil este vindeiro luns, día 18 de novembro.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “o Concello de Foz continúa o seu esforzo inversor na cultura e a formación. Con cargo a fondos propios levou a cabo un cambio de uso nunha sala infrautilizada da Casa da Cultura. O investimento supera os 10.000 euros. A sala do primeiro andar que se utilizaba para exposicións cambia de uso para ser unha sala de estudos, xa que as exposicións teñen o seu lugar no CENIMA”.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que era “unha demanda que nos trasladaban os opositores, a xente que vén estudar todos os días á biblioteca, é dispoñer dun espazo cómodo e en silencio para poder concentrarse. Ampliamos o horario da biblioteca e agora cumprimos tamén con esa demanda na nova sala de estudos. Un novo servizo que non abunda e que por fin ofrecemos: Foz estase transformando de vila a cidade, aumentando os empadroamentos e crecendo e require do noso esforzo para que sexa o mellor lugar para vivir”.

“A sala de estudos vai intentar cubrir a demanda dun lugar silencioso pensado so para ir a estudar de forma individual”, comenta a concelleira de Cultura, Inés López Couto, que engade: “pregamos que o uso sexa para o que foi creada, un punto de estudo tranquilo cun mobiliario pensado so para iso, á imaxe das salas de estudo universitarias. A biblioteca continuará a ser destinada como punto de encontro para rapaces que fagan traballos, persoas que queiran ir ler a prensa, papás que queiran ler libros aos seus pequenos, etcétera, un centro con vida e no que se permite falar en voz baixa. Mais na sala de estudos pedirase silencio total”.

Esta sala de estudos conta con mesas con luminaria, enchufes nas mesas, conexión usb e usbc. “As lámpadas do teito tamén se cambiaron a tecnoloxía led e proximamente renovaranse as da biblioteca”, explica Ángel Fernández, concelleiro de Servizos Públicos.

“As mesas son coma as das salas de estudo das cidades. Investimos na cultura e nos espazos formativos pensando en mellorar os servizos de Foz, un pobo con moitas inquietudes culturais e con estudantes que necesitan un lugar de traballo tranquilo” explica Inés López, que remata anunciando que “os nosos novos retos para a Casa da Cultura son unha mellora da fachada e do salón de actos, así coma tentar ampliar os horarios, que xa son uns dos máis amplos da zona, pero queremos melloralos. Continuaremos a traballar nesa liña”.

Exit mobile version