Fabiola García puxo en valor o traballo realizado por esta entidade na posta en marcha e mantemento da primeira vivenda tutelada de Galicia para mulleres con enfermidade mental vítimas de violencia de xénero
Fabiola García, que estivo acompañada da alcaldesa de Cervo, Dolores García, puido coñecer este centro de vangarda, que conta con 20 prazas concertadas coa Xunta e que se atopa situado no centro do municipio, dispoñendo de todos os servizos orientados a fomentar a autonomía dos usuarios. A conselleira puxo en valor o “traballo incansable” da Asociación Saúde Mental de A Mariña, centrada nas persoas con enfermidade mental, nos seus coidados e na súa integración e poñendo especial atención nas mulleres vítimas de violencia de xénero.
Neste sentido, a conselleira destacou a Consellería de Política Social e Igualdade leva anos “colaborando estreitamente” coa asociación, un traballo conxunto que se traduciu nun investimento superior aos 1,1 millóns de euros nos últimos seis anos. Unha das colaboracións máis destacadas foi a posta en marcha da primeira vivenda tutelada de Galicia para mulleres con enfermidade mental vítimas de violencia de xénero. Un proxecto pioneiro no que a Xunta leva investidos 980.000 euros, dos que un total de 200.000 euros foron consignados ese ano para o mantemento da vivenda (a través dun convenio anual de 150.000 euros) e para a adquisición dun vehículo.
A esta cifra súmanse os 134.000 euros destinados desde 2018 no eido da discapacidade, que o pasado ano permitiu que a asociación se dotase doutro vehículo para a unidade residencial, e os 140.000 euros investidos en diferentes programas orientados ao fomento da igualdade.