Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Eu como peixe de Burela’ chegou este mércores ao CEIP Número 1 de Foz

Burela, 27 de novembro, 2024. Uns 65 alumnos de educación infantil e primaria do CEIP Número 1 de Foz participaron este mércores 27 de novembro na xornada divulgativa “Eu Como Peixe” impartida pola dietista Alba Vila en colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, dentro do seu ciclo de visitas a colexios da Mariña.

Esta visita forma parte da serie de actividades dirixidas ao público infantil que levan a cabo desde a OPP-7 Porto de Burela, co obxectivo de achegarlles ao mundo da pesca e o consumo de peixe; inclúense no seu plan de produción e comercialización e están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e o FEMPA.

O secretario técnico da OPP, José Manuel Beltrán, saudou aos alumnos antes de dar paso a unha charla divulgativa sobre os beneficios para comer peixe, impartida pola nutricionista Alba Vila, que, ademais dos seus centros de dietética en Burela e Foz, tamén coordina os menús de diferentes colexios da zona.

Os pequenos mostráronse moi participativos durante a presentación, seguindo atentamente os debuxos e explicacións sobre algunhas das principais especies da lonxa de Burela: pescada do petisco, rape, peixe espada, cabala e bonito do norte; e aprendendo as principais diferenzas entre o peixe azul e o peixe branco.

No acto participaron uns 65 alumnos de entre tres e oito anos, desde cuarto de educación infantil ata segundo de educación primaria, que ao final da charla recibiron unha mochila de agasallo e que prometeron que comerán moito peixe nas súas casas.

Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á rastrexabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.

Exit mobile version