Lugo, 26 de novembro de 2024. O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, valorou a aprobación dos Orzamentos da Deputación de Lugo para o 2025 que se ratificou no pleno provincial deste martes, malia a oposición do Partido Popular.
Dos 130 M € que contemplan as contas provinciais para o ano que ven, o vicepresidente destacou a dotación do Plan Deputación, principal instrumento de cooperación cos concellos, que se incrementará un ano máis, chegando aos 22 M€ , e o investimento destinado ao funcionamento da rede de Centros de Atención a Maiores, cunha partida arredor dos 11 M€, para atender unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia que, recordou, malia ter as competencias en política social, segue sen construír unha soa residencia pública no rural.
Ademais, repasou as partidas asignadas as áreas de Cultura, Patrimonio e Normalización Linguística; Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica; e Rural, Mar e Mocidade, destacando o papel da entidade provincial como principal sostén do tecido cultural, deportivo e agrogandeiro. Tamén subliñou que duplican o orzamento da área de Rural, que contará en 2025, con 3 M€ e o reforzo das partidas destinadas a programación culturais, que sobe ata o 1,5 M€, e do investimento en infraestruturas deportivas que se amplia os 1,6 M€.
O vicepresidente da Deputación destacou o compromiso do goberno provincial coa elaboración dos orzamentos en tempo para a súa entrada en vigor a comezos de ano, poñendo estes recursos públicos a disposición dos concellos e do tecido económico, social, cultural e deportivo das distintas comarcas desde o 1 de xaneiro.