Site icon Crónica3.com A Mariña

Do 23 de novembro ao 7 de decembro terá lugar o X Festival de Jazz & Blues de Ribadeo

Ribadeo, 13 de novembro de 2024. Do 23 de novembro ao 7 de decembro terá lugar o X Festival de Jazz & Blues de Ribadeo, que foi presentado no Concello.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que “chega unha cita tradicional da axenda cultural do outono en Ribadeo. O Festival de Jazz & Blues, que se ven celebrando na nosa vila coa participación dos mellores músicos galegos, nacionais e internacionais da música negra en xeral, tanto de jazz como de blues, soul, funky ou góspel”.

A edil ribadense contou que “esta edición inclúe tamén unha masterclass na Escola Municipal de Música de Ribadeo a cargo de Ángeles Dorrío, que estará dirixida principalmente ao alumnado do centro”.

Sanjurjo dixo que “polo X Festival de Jazz & Blues de Ribadeo pasarán este ano: Cyrus Chestnut Trío o día 23 de novembro; J.P. Bimeni & The Black Belts o 30 de novembro; Ángeles Dorrío Band o 6 de decembro; e New Orleans Gospel Stars o 7 de decembro. É un cartel moi bo con grupos chegados desde os Estados Unidos, Inglaterra e Galicia, que nos farán vibrar a todos coa súa música”.

A concelleira de Cultura lembrou que “as entradas xa están á venda en ataquilla.com” e animou a acudir a esta cita: “temos unha moi boa ocasión para gozar en Ribadeo dos sons do góspel, do soul ou do jazz con estes catro concertos. Agardamos que vos animades ribadenses, visitantes e veciños de toda a contorna a disfrutar do X Festival de Jazz & Blues de Ribadeo do 23 de novembro ao 7 de decembro”.

O evento está organizado por Game Over Productions coa colaboración do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia.

Na presentación do X Festival de Jazz & Blues de Ribadeo participaron Fernando Martínez, de Game Over Productions; a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo; e o alcalde, Dani Vega.

Exit mobile version