Site icon Crónica3.com A Mariña

“Deterioro no funcionamento do Centro de Saúde de Viveiro. A mala xestión de prevención do SERGAS”, por Pedro Cabarcos Quintela

Vai para un ano que denunciei o retraso que sufría por parte do SERGAS, para que se me realizase unha operación de cadeira, que felizmente puiden facer tras 8 meses de espera ( dores e inquedanza mental incluídos) aproveito a ocasión para dar as grazas a todo o persoal sanitario e administrativo do Hospital da Mariña polo que fun atendido, e do que solo podo ter agradecemento no trato como no resultado, pese ó estado de estrés, e acumulación de traballo, por falta de persoal. Isto condena a toda a Mariña a ter un servicio imprescindible, na precariedade na que nos sitúa o Sergas.

Gustaríame no ter escrito novamente, porque sería sinal de que a atención sanitaria, neste caso no concello de Viveiro, funciona como é debido. É de todos e todas coñecido en Viveiro, as colas que cada mañá se dan na atención no Centro de Saúde, colas que na miña experiencia, aparecen por falta de datas de atención na aplicación Sergas Mobil que lembro pagamos cos impostos. Teño a sorte de vivir preto do centro sanitario, polo que o meu desprazamento é mínimo, algo que non ocorre ca maioría das persoas. Acudo, por tanto ó centro de saúde para pedir unha cita para realizar unha analítica, solicitada con anterioridade telefonicamente a unha profesional que substituía á miña médica, algo que xa normalizamos na atención deste centro, por falta de facultativos. A analítica está feita dende 24/10/2024, comprobada no tamén servicio móbil do Sergas( que pagamos cos noso impostos). Acudo ó meu centro de saúde para pedir a cita que non me sae no servicio móbil do Sergas, algo que corrobora a funcionaria que me atende, constatando que ten o mesmo problema de bloqueo, conseguíndome unha cita para o 19 de Novembro, deste ano claro!. 17 días sen contar festas e fines de semana, no que á miña saúde tanto lle ten ó conselleiro actual.

A miña pregunta é : que ocorre si na analítica aparece algo que precisa de unha atención inmediata?. Como vivimos no sálvese quen poda, decidín presentar unha reclamación cada día dos que tarde en ser atendido, como PROTESTA da falta de atención que reiteradamente sufro no centro de saúde.

Non é falta de atención médica nin administrativa, é a carencia e dotación deste persoal o que provoca esta situación. Estamos asistindo por desgracia, a como a falta de prevención está afectando ós e ás cidadáns de Valencia e Albacete. Non vou a facer comparativas para non ser mal interpretado, pero si dicir, que a falta de previsión e prevención, ten nome, apelidos, e cor política, no meu caso a Xunta de Galicia.

Os/as cidadás temos a responsabilidade democrática de velar polo funcionamento da mesma, e somos tamén responsables da falta de acción ante unha experiencia real de abandono. Non podemos buscar solo a culpabilidade na política, como recurso. Temos medios como a denuncia pública, e a reclamación xurídica, ou a manifestación, para que se atendan as nosas demandas.

Decido, por tanto, cubrir unha reclamación por día laborable, ate 19 de Novembro, para que, en caso de que a miña saúde sufra un deterioro, sexa documento para emprender a denuncia xurídica correspondente. Como consecuencia, tamén democrática, non votarei a unha formación política que non atende ó principio fundamental, como é o de velar pola miña saúde.

Meter no mesmo saco á política en conxunto, primeiro é escorrer a nosa responsabilidade como cidadáns, e segundo participar nun tufo fascista, que recoñezo ben, por ter vivido parte dunha ditadura. A democracia faise ca asunción de deberes e responsabilidades, cada quen cas ideas que considere, e participar en todo aquelo que o estado democrático ten de bo e de malo, e utilizar os recursos que nos brinda para defender os nosos intereses. Asumir que nada sirve, é como solicitar a volta a un modelo de vida que non quero repetir. Por iso e tan importante esixir a prevención como forma política, e a cidadanía, asumir o xeito de non ter que vivir situacións extremas, tanto colectiva como individualmente.

O desmantelamento dun SERVICIO PÚBLICO DE SAÚDE, obsérvase no deterioro da Atención Primaria, que é unha experiencia real que sufro no Centro de Saúde de Viveiro. Non son os médicos de familia, nin enfermeiros nin enfermeiras, nin o persoal administrativo, os/as culpables da situación, eles e elas sofren os nosos malos modos , en casos concretos, pola desesperación dunha falta de Atención resultado da: CARENCIA DE PERSOAL E XESTIÓN , algo que teñen que facer os e as políticos do partido que goberna a Xunta de Galicia.

Pedro Cabarcos Quintela. Xubilado. En Viveiro a 5/11/2024

Exit mobile version