Ribadeo, século XXI. Novembro. Ribadeo parece seguir os pasos de Madrid. Evidentemente, non en tamaño. Neste caso, en relación á natureza. Cando isto escribo, van tres semanas dende as cortas das árbores no Colexio Público Gregorio Sanz de Ribadeo. Algo que no seu momento me lembrou as cortas arboricidas de Madrid e o encher de asfalto ou semellante o lugar: menos natural, menos purificación de aire, menos protección contra os cambios de temperatura, adeus ás avantaxes de ter á vista ou pasear por un entorno natural, máis gasto… Pero máis que polo anterior, que teño que recoñecer que me comín as vantaxes (várrese mellor) lembroumo por outra cousa: pola falta de escoita da xente.
Dende aquela, ten sucedido a ‘limpeza’ de árbores dunha praza, a de Pancho Maseda, e todas as olladas pósanse no parque, na ‘Praza de España’, a zona axardinada fronte á Casa do Concello, que din estaría sinalada para unha ‘entresaca’ próxima, que hai algunha palmeira que está a morrer.
Coido que, máis aló de sinalar feitos, cabería lembrar algunha cousa sobre os xa citados.
Na evolución dunha vila como Ribadeo, os cambios son unha constante de xeito case obrigado. A construción do que é o actual C.P. Gregorio Sanz non se fixo baseada nunha corta de árbores, senón máis ben rodeada de novas plantacións, parte das que agora foron cortadas. Os exemplares cortados na praza de Pancho Maseda pasaron no seu momento non só a adornar, senón a facer máis humano ese espazo, que ó longo do tempo viu outras modificacións. O actual parque, sexa a zona de ‘Parque de San Francisco’ ou a coñecida como ‘Praza de España’, bebe o seu uso do antigo campo da feira, por moito que o nome tradicional de ‘O Campo’ vaia decaendo; un lugar que dende que os documentos gráficos dan testemuña, vese con árbores, aínda que, pola súa dedicación comercial, menos que na actualidade.
As cortas no C.P. Gregorio Sanz teñen xerado fortes protestas a posteriori. Tivo que ser así porque ata que houbo evidencia, non houbo noticia, e moito menos consulta. Dos da Praza de Pancho Maseda, moitos menos e menos visibles, tampouco houbo consulta nin noticia. Do parque, polo momento, non hai noticia (nin consulta). Pero nestas circunstancias, que xa se chame ‘Praza de España’, evocando algo diferente a un parque, non dá lugar a tranquilidade.
Non quero entrar en discusións diversas que se veñen dando, como digo, a posteriori. Sen poder substituír o que sería necesario diálogo anterior, claro. E sen poder aspirar a máis que a cambiar a forma de facer as cousas en diante. Os feitos pasados e os temores cara ó futuro, sinxelamente están aí e pódese aprender.