Subir os impostos e taxas municipais en centos de miles de euros no 2024 foi decisión do PSOE e do BNG de Foz
Cajoto é previsible, demostra a mesma actitude ante os problemas creados polas súas malas decisións, todos teñen a culpa menos el. Fixoo coa crise da escola de música, coa da residencia, cos hostaleiros e, agora, faino cos case 11.000 usuarios que sofren a suba da auga.
Subir os impostos e taxas municipais en centos de miles de euros no 2024 foi decisión do PSOE e do BNG de Foz. “O incremento da auga, da recollida do lixo, da escola de música, das escolas deportivas, das casetas da praia, das xestións municipais, da contribución, das licenzas de obra… non é culpa nin do PP nin da Xunta de Galicia, os que precisamente xestionan maiores investimentos para Foz, nin, por suposto, do Concello de Ribadeo gobernado nos últimos anos polo BNG”, enfatiza Javier Castiñeira.
“Non é tolerable a falta de respecto institucional cos que cumpren e cumpriron con Foz e estivemos presentes nos grandes investimentos en Foz nos últimos anos –depuradora, dragados, arranxos nos centros educativos, urbanimo…-, como é o caso da Xunta de Galicia, nin tampouco é tolerable a falta de respecto a Ribadeo co que o alcalde se compara interesadamente sen sentido ningún para escusar a suba da auga que levou a cabo coa colaboración dos seus socios nacionalistas”, continúa o voceiro do PP de Foz.
Por último, o BNG non pode seguir esperando a que os boten do goberno e seguir a respaldar a un alcalde que non asume responsabilidades e culpa a todos os que o rodean, incluso aos seus socios de goberno aos que trata peor que á oposición.