O Parlamento de Galicia, por unanimidade de todos os grupos parlamentarios e pola iniciativa do Partido Galeguista e das principais entidades galegas en Bos Aires, celebrou este venres 15-N o 80 aniversario da constitución, no 1944, do Consello de Galiza, recoñecendo ao político e patriota galego Afonso Daniel Rodríguez Castelao como o seu primeiro Presidente e, xa que logo, como primeiro Presidente da Galicia democrática.
A transcendencia deste recoñecemento é fulcral, porque supón a conexión da lexitimidade das actuais instit6ucións de autogoberno galegas coa lexitimidade estatutaria e republicana interrompida criminalmente no 1936.
O Consello de Galiza integraba, baixo a presidencia de Castelao, aos deputados galegos elixidos no 1936 que, por residir na América do Sur, desfrutaban aínda de liberdade de acción. Constituíse, consonte co principio democrático e grazas ao solvente e intelixente asesoramento xurídico do diplomático e patriota galego Lois Tobío, como corpo fideicomisario da vontade de autogoberno de Galicia, expresada no plebiscito do 28 de xuño de 1936, que aprobara con case un millón de votos a prol (dun censo de pouco máis dun millön trescentas corenta e tres mil persoas electoras).
Na altura era imposíbel a constitución da Xunta, Presidente e Parlamento previstos no Estatuto aprobado pola cidadanía galega no 1936 (pois que o réxime transitorio do seu artigo 34 só lles permitía aos parlamentarios galegos electos no 1936 constituírse en Xunta provisional para o único efecto de convocar eleccións ao Parlamento galego e están eran de imposíbel celebración dende o 20 de xullo de 1936). Mais si era posíbel constituír un Consello formado por parlamentarios elixidos nas eleccións estatais de febreiro de 1936 (mandato tamén de imposíbel renovación por mor do sometemento de todo o estado a un réxime de feito violento e ilegal) que representase ao país como realidade política de seu, pois que a cidadanía galega amosara tan evidentemente a súa vontade de se autogobernar.
O Consello de Galiza integrou deputados agrarios, galeguistas e republicanos, mais non como representantes dos seus partidos, senón da nación galega. O funcionamento foi nomeadamente presidencialista, pois que o obxectivo era influír substancialmente no rumbo da República a medio da alianza GALEUSCA, en colaboración cos Gobernos vasco e catalán no exilio. E abofé que os froitos da constitución do Consello de Galiza foron axiña ben importantes. En primeiro lugar, nas Cortes republicanas de México de novembro de 1945 acadouse o inequívoco recoñecemento da forza vencellante do plebiscito de 1936 e máis a constitución da Comisión parlamentaria que ditaminase o Estatuto, comprometéndose as Cortes á súa aprobación, nos mesmos termos plebiscitados polo pobo galego, tan logo recuperase a República o control do territorio. Control que se agardaba recuperar naqueles meses, logo da derrota de Hitler e Mussolini. O segundo grande éxito foi o nomeamento, : en marzo de 1946 de Castelao como ministro na representación de Galicia (non na representación do Partido Galeguista ao que pertencía nin da coalición da Fronte Popular coa que concorrera ás votacións parlamentarias de 1936), como vascos e cataláns formaban nese goberno representando cadanseus gobernos no exilio. Este goberno estaba fortemente apoiado, mesmo economicamente, polo goberno provisional de posguerra da República francesa e establecérase en París coa idea da liberación inmediata de Galicia e de todo o Estado. A guerra fría impediu este obxectivo e salvou Franco e ao seu réxime de feito.
Cómpre tamén, salientar que nin o Consello de Galiza presidido por Castelao, nin o goberno catalán no exilio do president Irla nin o goberno vasco do lehendakari Agirre , conformábanse cos Estatutos republicanos como punto de chegada, senón que matinaban no afondamento destes Estatutos cara unha reinstauración republicana en chave plurinacional que recoñecese o dereito de autodeterminación das tres nacións.
De calquera xeito, foi o plebiscito estatutario de 1936 e o seu recoñecemento por parte da legalidade republicana (que non se acadou até 1945) o que permitiu que na Constitución de 1978 Galicia, canda Euskadi e Catalunya, fora recoñecido como nacionalidade, con dereito de se incorporar ao grau superior da autonomía política do artigo 151 só polo acordo da súa Xunta preautonómica. Unha Xunta preautonómica instaurada, antes da aprobación da Constitución e, xa que logo, do recoñecemento á autonomía política das nacionalidades, por mor da preexistencia da vontade de autogoberno de Galicia. Deste xeito, o noso Estatuto de 1981 foi elaborado de xeito paccionado e bilateral, por cadansúa delegación da Asemblea de Parlamentarios galegos e da Comisión Constitucional do Congreso e sometido á aprobaciön da cidadanía galega nun referéndum (decembro de 1980). A ratificación ulterior polos Plenos do Congreso e do Senado só tivo o carácter dun mero voto de confirmación, sen capacidade de introducir modificacións non consentidas pola cidadanía galega.
Este recoñecemento de Galicia (e de Euskadi e Catalunya) como nacionalidade preexistente á Constitución é a única pegada da legalidade republicana na lexislación constitucional do Estado aprobada na transición. E só foi posíbel polo plebiscito estatutario de 1936 e polo recoñecemento do seu resultado como a expresión da vontade de autogoberno da Galicia. Un recoñecemento só posíbel polo labor do Consello de Galiza e do seu Presidente, Castelao.
Valla como conclusión a do informe xurídico que emitín hai agora dous anos a pedimento das entidades promotoras deste recoñecemento: ”Sendo Castelao o primeiro presidente do Consello de Galiza e sendo o Consello o representante fideicomisario da vontade plebiscitaria de Galicia de 1936, Castelao é o protopresidente da Galicia autonómica recoñecida-e en boa medida reinstaurada-en 1981, o Presidente fideicomisario elixido polos deputados de Galicia que desfrutaban de liberdade de acción. Neste senso, o principio democrático esixe este recoñecemento de Alfonso Rodríguez Castelao como presidente fideicomisario ou protopresidente. E o mesmo principio democrático permite definilo como o primeiro Presidente da Galicia autonómica e democrática”.