Site icon Crónica3.com A Mariña

“Buscando no teu interior”. Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo do Día da Igrexa Diocesana (10 de noviembre de 2024)

A Igrexa desempeña moitas tarefas. Algunhas son moi visibles e valoradas na nosa sociedade. Refírome, por exemplo, ao mantemento do patrimonio e das tradicións, á acción social e integradora con colectivos máis desfavorecidos, á loita pola xustiza e a defensa dos dereitos humanos. Outras tarefas tamén son ben coñecidas polo conxunto da sociedade, como son as referidas ao ámbito litúrxico, educativo ou catequético…

Con todo, hai outra misión que a Igrexa realiza e que permanece máis difusa e descoñecida, aínda sendo fundamental na nosa sociedade. É o que ten que ver co horizonte de sentido da vida e co acompañamento ás persoas na procura de descubrir o seu lugar neste mundo. Todos necesitamos coñecer cal é a misión que temos; en sentido crente, cal é o plan que Deus ten para cada un de nós e que nos permitirá alcanzar a plenitude, o desenvolvemento pleno e a felicidade neste mundo.

Nese sentido, a Igrexa realiza unha tarefa de acompañamento vocacional, especialmente aos nenos e mozos que buscan en sentido amplo. Nun mundo que se envorca ao exterior, a Igrexa coida e cultiva a interioridade e axuda a buscar e mirar no interior. A escoita ao interior dános respostas que sempre nos sorprenden e nos apaixonan. Ese difícil exercicio contribúe a fomentar persoas sas, equilibradas, con razóns para vivir, con propostas solventes ante as dúbidas, medos e dificultades da vida.

A vida sempre é misión, lémbranos o papa Francisco. Descubrirse chamado a unha tarefa e a un lugar é recoñecerse en actitude de escoita, de acollida, de procura. Precisamente durante este curso a nosa Igrexa diocesana quere animar esta cultura vocacional na nosa pastoral para espertar vocacións á vida consagrada, á vida sacerdotal, á vida laical, ao matrimonio… Estamos faltos de vidas sentidas como resposta a unha chamada primeira.

O Día da Igrexa Diocesana que nos dispoñemos a celebrar pódenos axudar a esta tarefa. Recoñecer como a Igrexa contribúe ao desenvolvemento e ao crecemento persoal no horizonte amplo do amor. Nun mundo ensimesmado, a Igrexa ábrenos perspectivas e axúdanos a descubrirnos con vocación, mirando ao noso interior. Ademais, o Día da Igrexa Diocesana plantéxanos sempre se estamos a ocupar o sitio ao que estamos chamados nesta gran familia que configuramos: a nosa ausencia séntese e bótase en falta. Ocupemos o noso lugar corresponsablemente. Por último, o Día da Igrexa Diocesana axúdanos a reflexionar sobre o noso sentido de pertenza a ela que conleva tamén a súa contribución económica para o financiamento do que realiza. E iso conséguese cando coñecemos o que facemos, queremos o que facemos, valoramos o realizado e identificámonos coa súa causa.

O voso irmán e amigo, Fernando García Cadiñanos. Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Exit mobile version