Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros recepciona a moto de auga para o servizo de salvamento e Protección Civil

Ademais da moto, o Concello adquiriu equipamento como remolque, padiola, plataforma para a auga, funda para a protección da moto e chalecos para as persoas ocupantes

Barreiros, 25 de novembro de 2024. O Concello de Barreiros recibiu no día de hoxe a moto de auga e equipamento que adquiriu para complementar os servizos de salvamento e socorrismo, así como apoio á actividade da Agrupación de Persoas Voluntarias de Protección Civil.

A alcaldesa, Ana Ermida, amosouse satisfeita de “ter conseguido este equipamento que dá unha maior efectividade e axilidade aos servizos de salvamento e protección civil que se prestan desde o Concello e nos que levamos anos procurando mellorar os medios dos que dispoñen” .

Ana Ermida sinalou que no próximo verán, ademais da moto, agardan poder ter dispoñibles dúas zodiacs para as labores de vixiancia e salvamento da costa barreirense.

A rexedora lembrou a importancia de contar con medios modernos e adecuados para os servizos de emerxencias e nese sentido puxo en valor que xa “é unha realidade a dotación da moto de auga, despois de anos de xestión e busca de financiación para poder contar con ela.” Ermida agradeceu o traballo realizado tanto polo persoal de salvamento e socorrismo como pola agrupación de Protección Civil que “fan que Barreiros camiñe cada día con máis firmeza nas actuacións de emerxencias e conte con máis e mellores medios que nos sitúan na vangarda en casos de intervencións”.

Na entrega participaron membros da Agrupación de Persoas Voluntarias de Protección Civil e do Servizo de Salvamento e Socorrismo. Tamén acudiron o delegado territorial de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Nodal; e Daniel Díaz e Manuel Fernández Meilán, do Servicio Provincial de Emerxencias.

A adquisición da moto e o equipamento supuxo un investimento de 22.670,47 euros, do que 20.000 euros foron sufragados por medio dun convenio entre o Concello e a Dirección Xeral de Emerxencias.

Exit mobile version