Realizarase un acto de izado da bandeira galega o vindeiro sábado 23 de novembro ás 13:00 na Praza do Souto, en San Miguel de Reinante
A alcaldesa, Ana Ermida, sinala a “importancia de dar visibilidade aos símbolos que nos representan en espazos públicos, contribuíndo a un maior coñecemento da nosa historia e a sementar o amor por este País, en pé de igualdade con outros do mundo”.
A proposta recibida desde Vía Galega sinalaba a praza do Souto como un lugar idóneo, pola proximidade da casa natal de Antón Moreda, fundador do Consello da Mocidade Galeguista e un símbolo para todas as persoas que aman este País; ao igual que a efeméride que se conmemora da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala en Lugo.
Recollendo esa proposta, o Concello de Barreiros, habilitou un mastro para a colocación da Bandeira Galega, que ondeará permanentemente nunha praza que é especialmente simbólica na historia local e na que se están levando a cabo actuacións tendentes a convertela nun espazo que acumula os recordos e o cariño da poboación local.
Ermida fai un chamamento á participación neste acto a todas as persoas que se senten parte e levan a Barreiros e, polo tanto, a este País no corazón e que fan parte orgullosa da sociedade galega.