Barreiros, 22 de novembro, 2024. Achégase o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller e desde o Concello de Barreiros programan unha serie de actividades e actos para conmemorar este día convidando a toda a veciñanza a participar.
Domingo, 24 de novembro
Ás 18:00 horas no centro sociocultural de San Cosme proxección do documental “En deuda con todas. A loita pola despenalización do aborto no Salvador. O dereito a decidir sobre os nosos corpos. Cuestión de xustiza”.
Logo da proxección, seguirase cun espazo de reflexión para coñecer as distintas realidades e contextos sobre os dereitos sexuais e reprodutivos, particularmente de persoas integrantes dalgún colectivo, organización ou movemento de mulleres, feminista e LGBTIQ+.
Inauguración da exposición
Esa mesma tarde, no centro sociocultural, inaugurarase a exposición fotográfica “Elas deciden: mulleres do mar de El Salvador e Galicia tecendo redes”. Esta mostra visibiliza o papel das mulleres na pesca artesanal en Galicia e El Salvador, destacando a súa capacidade de iniciativa e participación nun sector que, tradicionalmente é masculinizado e con sesgos de xénero en canto ao repartimento de tarefas.
A concelleira de igualdade, Montse Porteiro sinala que: “quixemos contar en Barreiros con esta exposición que, aínda que Barreiros non ten porto pesqueiro, si ten unha longa tradición no marisqueo polo que nos gustaría poñer en valor e recoñecer o labor das mariscadoras. Con esta exposición queremos renderlles homenaxe a todas as mulleres que desenvolveron e desenvolven esta dura profesión”.
Luns, 25N
Terá lugar a lectura do manifesto 25N ás 12 na Praza do Concello ao que animan a participar a toda a veciñanza.