Barreiros, 21 de novembro de 2024. O Concello de Barreiros presentou hoxe unha nova ferramenta dixital en materia turística que pon a disposición do público en xeral coa intención de modernizar a información do municipio.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou durante o acto de presentación que se trata “dunha ferramenta áxil, moderna e actual que pretende agrupar toda a información de interese do concello dun xeito que é o máis habitual e cómodo para a poboación”.
A rexedora insistiu tamén en que a APP pretende ser un instrumento bidireccional, que serva ás persoas visitantes e ao sector, pero tamén coa que o Concello poida recibir información que axude a mellorar a promoción e a imaxe de Barreiros.
No acto participaron arredor dunha trintena de persoas vinculadas ao sector turístico e servizos, que valoraron positivamente este paso e intercambiaron opinións e experiencias coas que mellorar o funcionamento.
Ermida agradeceu a participación de todo o sector e as achegas realizadas e matizou que “esta APP pretende ser un instrumento vivo e dinámico no que cada unha de nós podemos aportar para mellorala e lograr que teña a chegada que pretendemos.” Neste sentido, sinalou tamén a escolla do mes de novembro para botala a anda e testala, de xeito que poida estar a pleno rendemento nos momentos de maior chegada de visitantes.
A APP foi desenvolvida pola axencia de publicidade mariñá DonaPubli, cunha experiencia de máis de vinte anos en traballos con institucións e empresas, especialmente da Mariña e o Occidente asturiano. O proxecto obtivo o financiamento no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, a través da convocatoria para o ano 2024 da Axencia de Turismo de Galicia.