As accións inclúense na campaña de loita contra o tabaquismo dentro da estratexia de acadar unha xeración libre de tabaco no 2030
A alcaldesa, Ana Ermida, asinou coa presidenta da Xunta Provincial de Lugo, María Luz Abella un documento no que designan como espazos libres de fume o exterior do pavillón municipal, a pista de skate, os arredores do parque de San Miguel (onde a pista de pádel) e dúas marquesiñas da N634 en San Cosme.
A alcaldesa sinala a “importancia deste tipo de accións que pretenden a concienciación veciñal e a educación en saúde, poñendo o foco no consumo de tabaco, que segue a ser unha das principais causas de numerosos tipos de cancro”.
“Os espazos escollidos son de uso habitual por persoas mozas e nenas e nenos, co que se pretende educar desde as primeiras idades. Son ademais espazos relacionados con usos deportivos ou de ocio, que fomentan un estilo de vida saudable e que debe ser incompatible co consumo de tabaco”, explicou.
Ana Ermida agradeceu o traballo de colaboración co Concello á Asociación, permitindo desenvolver accións de apoio e formación a persoas enfermas e familiares.
Nas vindeiras semanas, realizarase a sinalización dos espazos e levaranse a cabo campañas divulgativas.
No acto tamén participaron a concelleira de Servizos Sociais, Carmen Veiga, e a de Saúde Pública, Montse Porteiro.