“A inacción do Goberno supón tamén unha clara desautorización das promesas do PSOE e de Besteiro que prometeron en múltiples ocasións que o Executivo desbloquearía estes parques”
Lugo, 4 de novembro de 2024. O Goberno de España recoñece nunha resposta oficial e por escrito aos senadores populares lucenses que deixou caducar os parques eólicos vinculados ao subministro eléctrico de Alcoa e que non fixo nada nos últimos 11 meses para reverter esta situación e autorizalos.
Jose Manuel Balseiro denuncia o “desinterese” do Executivo de Pedro Sánchez que parece “desentenderse” dunha situación que provocou o Executivo “pola súa falta de dilixencia” e que pon en risco o futuro a actividade e os empregos da única empresa de produción de aluminio primario que sigue activa en España.
A inacción do Goberno supón tamén unha clara “desautorización” das promesas do PSOE e do seu secretario xeral, Jose Ramón Gómez Besteiro que, nas últimas xuntanzas cos traballadores, daban por feito que o Executivo desbloquearía estes parques.
Afondando na cuestión o senador explica que o bloqueo destes parques eólicos de competencia estatal condiciona a firma de contratos de subministración eléctrica a longo prazo (PPAs), “un dos instrumentos de apoio dos que poden servirse as industrias electrointensivas”.
O Goberno de Sánchez dixo que solucionaría a caducidade no permiso de acceso á redes destes parques a través de Real Decreto 8/2023, aprobado en decembro do ano pasado, pero “non se traduciu nos resultados prometidos e os traballadores continúan agardando unha solución”.
O senador mariñán do PP lembra que “a continuidade da actividade na planta de San Ciprián está vinculada á súa viabilidade económica”; pero “dende o Executivo estatal, que é o que ten as competencias exclusivas no ámbito da enerxía, non está a facer nada para ofrecer un marco enerxético competitivo e que a factoría de aluminio poida operar en igualdade de condicións que os competidores doutros países de Europa, que si contan co apoio dos seus gobernos.
CINCO PARQUES EÓLICOS DE COMPETENCIA ESTATAL
En concreto a resposta do Goberno confirma que cinco parques eólicos “XISTRA” de 89,6 MW, “BOURA” de 72,8 MW e “MONZÓN” de 50,4 MW, dispuxeron da declaración de impacto ambiental do Estado o 22 e o 27 de novembro de 2023, cando a data límite para facelo sería o 13 de novembro. Esta situación implica a caducidade do seu permiso de acceso á rede eléctrica e, polo tanto, a imposibilidade de autorizar a súa construción.
A pasividade do Goberno de España contrasta co compromiso da Xunta de Galicia que xa autorizou os parques eólicos que son da súa competencia (aqueles que teñen una potencia inferior a 50MW) e que teñen por obxecto a subministración preferente á factoría de alúmina e aluminio. Así como tamén a recente autorización da ampliación da balsa de lodos coa que o Goberno galego dá un “apoio decisivo” para que esta factoría continúe en funcionamento.