Site icon Crónica3.com A Mariña

As laranxas levan o derbi en Ourense

Partido con moito ritmo na primeira parte e no final con gran protagonismo de Antía Pérez, Emilly e Uxía Rodríguez durante os 40 minutos

Burela, 9 de novembro, 2024. Esta tarde celebrouse a 9ª xornada da liga de Primeira División Iberdrola FS na que se celebrou un dos tantos derbis galegos desta categoría, Ourense Ontime – Pescados Rubén Burela FS no Pazo dos Deportes Paco Paz, cun resultado final 2-5.

Na primeira parte as ourensás póñense por diante no minuto 4 de xogo, cun gol de Raquelilla nun erro defensivo do Burela, pero pouco lles durará a alegría tras dous minutos de insistencia das visitantes por atopar o empate e atopalo dous minutos despois cun golazo lateral de Antía Pérez nunha bonita xogada na que se escapa pola liña da área e cóaa entre a defensa. No minuto 5 grandísima intervención de Uxía Rodríguez a un disparo, de novo, de Antía Pérez desviando o balón a córner. E chega o segundo das mariñás outros dous minutos despois cun disparo de Emilly case desde a frontal da área tras un saque de banda de Antía Pérez. Claro dominio do Burela nesta primeira parte buscando marcar distancias no marcador á vez que o Ourense aínda pode conseguir o empate non cesando no seu empeño de logralo. Oportunidade moi clara de Dany que non acerta coa portería nunha xogada de pivote moi boa, disparando dende a área tras un xiro e outro paradón de Uxía, que está realizando unha notable primeira parte, a un trallazo de Antía que puido ser o terceiro tanto das Pícaras de Burela, a cinco minutos do final da primeira parte. Chega o descanso 1-2 no marcador.

Aínda que máis competida, comeza a segunda parte con gol a dous minutos do comezo. Emilly vaise de Raquelilla pola lateral da área e picaa por riba de Uxía anotando o terceiro das Pícaras. No 3 volve tentalo desde case o mesmo punto tras un saque longo de Caridad, pero vaise rozando o segundo pau. Falta perigosa no minuto 5 da segunda parte, que saca Emilly cun disparo directo que rebota na barreira ourensá. Man boísima de Uxía que frustra unha das oportunidades máis claras do partido, un disparo de Carolina Pedreira nun cara a cara tras unha boa xogada combinativa do Burela na área rival. Continúan os minutos de xogo máis parello, moitas oportunidades que non logran puntuar no marcador, outra moi clara de Dany no minuto 34 que remata dentro da área un pase de Dinha pero Nuri detén o disparo. Chega o segundo tanto de Antía Pérez e o cuarto do conxunto de Julio Delgado despois dun disparo de Emilly que detén Uxía e un pau de Débora no rexeite da porteira, que aproveita Antía ás súas costas. Non se renden as ourensás e anotan o segundo no minuto 39 nun mal pase de Emilly que rouba Sara Moreno anotando o 2-4. Falta perigosa para o Pescados Rubén neste mesmo minuto que saca Emilly, que logra o hat-trick fusilando a portería cun trallazo imparable que parece atravesar a toda a defensa local. Remata o encontro cun resultado final 2-5 non sen antes salvar o sexto gol unha enorme Uxía Rodríguez que desvía coa man un disparo directo nun doble penalti de Antía Pérez tras a sexta falta das pupilas de Bea Seijas.

O vindeiro sábado as nosas Pícaras disputarán un dos duelos máis complicados da tempada, ante o Melilla Ciudad do Deporte Torreblanca. Partido dedicado ao cesamento da violencia de xénero cara ás persoas na campaña “NON Á Violencia de Xénero” da Xunta de Galicia. Será televisado pola cadea pública Teledeporte ás 11.00h dende Vista Alegre.

Ficha Técnica Ourense Ontime 2-5 Pescados Rubén Burela FS

Ourense Ontime FSF (2): Uxía Rodríguez; Chicky, Marta (C), Sara Moreno, Rafinha -cinco inicial-, Vero, Carla Ayensa, Nuri, Ana Riveira, Zaide Pérez. Entrenadora: Bea Seijas.

Pescados Rubén Burela FS (5): Caridad; Dinha, Patricia, Noelia Montoro, Emilly- cinco inicial-, Dany (C), Cilene, Antía Pérez, Carolina Pedreira, Cristina, Débora, Cami. Entrenador: Julio Delgado.

Goles: 0-1, min.4: Raquelilla. 1-1, min:6: Antía Pérez. 1-2, min.8: Emilly.1-3, min.22: Emilly. 1-4, min.33: Antía Pérez. 2-4, min.39: Sara Moreno. 2-5, min.39: Emilly

Árbitros: Mayra Camila Araujo, Lidia Crespo Pardo, Gabriel Chousal Prieto, Germán Fernández Dacosta.

TA: Raquelilla.

Exit mobile version