Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias destaca o valor dos Bonos Activa Comercio para impulsar as vendas nos negocios locais

Cada persoa ten dereito a un bono, que poderá usar ata o esgotamento do crédito de 2,5 millóns de euros asignado ao programa

Lugo, 5 de novembro de 2024. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe catro establecementos de Sarria -Ultreia, Vilamei, Senayo e a óptica Adrián Salgado- con motivo do inicio da nova edición dos Bonos Activa Comercio, que poden usarse desde este luns. Arredor de 900 negocios da provincia adheríronse xa a esta campaña e os interesados poden seguilo facendo ata o 15 de decembro.

Arias explicou que “cada persoa ten dereito a un único bono desconto de 30 euros que se pode descargar de xeito sinxelo a través dunha aplicación móbil para logo usalo nos comercios adheridos, que estarán identificados co distintivo da campaña”.

Os bonos teñen formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa descarga e uso ata que se esgote o orzamento de 2,5 millóns de euros asignados ao programa. O importe a descontar varía en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto do 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Con esta iniciativa, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración prevé mobilizar 12 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos, co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.

O delegado territorial destacou a importancia de potenciar este tipo de programas que “non só axudan ao noso comercio, que ten unha enorme relevancia na dinamización das economías locais e na xeración de emprego, senón que supoñen tamén unha axuda para as familias, nun momento no que a inflación está a minguar a súa capacidade adquisitiva”.

As anteriores edicións do programa Bono Activa Comercio, iniciado no ano 2021, contribuíron á reactivación das vendas no comercio local e a incentivar a demanda das persoas consumidoras, mobilizándose no sector comercial minorista máis de 77 millóns de euros.

Exit mobile version