O portavoz popular afeou que “os lucenses pagamos máis impostos que en toda a historia” e niso se basea o incremento dos orzamentos provinciais
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destacou que o orzamento contén “luces vermellas” á vista de “indicadores que nos preocupan” sobre a provincia. É que o orzamento provincial prevé que baixe o rendemento das empresas (IAE) e recoñecen que diminúe a captación de fondos europeos nun 95%. Tamén incidiu en que “prefiren ter os cartos parados no banco xerando 1,3 millóns de euros sen facer nada que poñelos en funcionamento para dar mellor calidade de vida e competitividade á provincia”.
O popular advertiu que o incremento na partida para a rede de estradas provinciais “non chega a nada” que son obxecto de queixas continuas por parte de veciños e veciñas dos 66 dos 67 concellos da provincia. Ameijide incidiu en que “pediamos un incremento de 10 millóns de euros e só aportan 6 que, probablemente, vaian para o Concello gobernado polo presidente ou algún amigos, pero o resto van seguir igual de abandonadas”.
Ameijide tamén incidiu en que “a cooperación cos Concellos é unha competencia fundamental, pero é con todos”. De feito, “dende o PP pediamos subir o Plan Deputación en 10 millóns de euros -procedentes dos impostos que xeran a subida do orzamento este ano e dos excedentes-, pero PSOE e BNG ofrecen unha subida 40 veces menor que, probablemente, vaian parar aos concellos máis grandes como fixeron o ano pasado. Propoñen subilo un 1,1% mentres os orzamentos soben un 13% e as partidas para convenios a dedo a través de transferencias de capital soben un 42%. Tamén propoñen a desigualdade, o desequilibrio e son uns orzamentos en contra a solidariedade dos municipios que xa demostraron no 2023 e no 2024”.
En cooperación cos concellos, tampouco colabora o goberno provincial en materias que son competencia da Deputación Provincial por lei coma o ciclo da auga, tratamento de residuos ou a recollida de animais abandonados.
O portavoz do PP advertiu que “o goberno provincial non prevé a apertura de novas residencias no 2025, nin das residencias en construción ni das que tiñan comprometido. Tampouco para o centro comarcal de Becerreá para o que non hai 1 euro”. Ao respecto, incide en que “Tomé expulsou do pleno aos veciños e veciñas da plataforma porque non lle gusta o que lle din”.
Ameijide explica que o orzamento total para os centros de atención a maiores baixa máis de 96.000 euros e os investimentos reais diminúen nun 12%. Ameijide sinalou que “con menos recursos non se poden abrir novas instalacións”.
O popular tamén subliñou que “o orzamento non prevé colaborar coa promoción turística da provincia (descende o investimento para a difusión da imaxe da provincia nun 1,40%), incluso descende o orzamento para os museos provinciais situados en concellos gobernados polo PP e o goberno de PSOE e BNG tampouco prevé impulsar a política industrial”.
Ameijide convidou durante a súa intervención a dirixir a estradas de toda a provincia e a cooperación con tódolos Concellos como pedía o Grupo do Partido Popular os fondos “dos convenios a dedo: 15 millóns de euros no 2023 e máis de 6 no que vai de 2024 e aínda falta a pedrea e a lotería de Nadal para os concellos gobernados polo Partido Socialista”.