Burela, 14 de novembro, 2024. Na mañá do pasado mércores un grupo de 30 alumnos da Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol visitaron o Porto de Burela dentro dos convenios de colaboración da EONP de Ferrol coa OPP Burela e ABSA, polo que se facilitan prácticas destes alumnos nas frotas destas organizacións.
Os alumnos, de 2º curso do Grao Superior de Navegación en transporte marítimo e pesca de altura (patrón de altura) e de Organización de mantemento de maquinaria de buques e embarcacións (mecánico naval maior) puideron reunirse cunha representación de armadores das frotas burelesas de arrastre de litoral, gran sol e palangre de superficie en augas internacionais.
Os alumnos interesáronse polos distintos tipos de buques nos que poderán embarcar nos próximos meses dentro do seu programa de prácticas a bordo, así como polas condicións sociolaborais, descansos ou ingresos en cada unha das pesqueiras.
O director da Escola de Ferrol, Enrique Cobelo, presentou os servizos da EONP, que o próximo ano celebra o seu 50º aniversario: os principais ciclos e cursos que imparten e os cambios previstos na normativa de formación profesional, con especial atención na seguridade a bordo e nos cursos e certificados voluntarios de especialidades.
Despois visitaron dous buques da frota de Gran Sol que están de descanso no porto de Burela: o grupo do ciclo de máquinas visitou o buque ‘Breogán Tres’ e o grupo do ciclo de navegación e ponte subiu a bordo do ‘Idurre Berria’. Armadores e persoal de ambos os buques explicaron como é a operativa na pesca de pescada de petisco en augas europeas.
O grupo visitou tamén o Barco Museo Reina do Carmen, exemplo da frota bonitera dos anos 60 do Cantábrico, para comparar como evolucionaron os buques nos últimos anos en canto a habitabilidade, potencia, espazos de traballo ou dimensións.
A xornada finalizou visitando o último buque botado por Astilleros Armón, un iate de luxo equipado coas máis avanzadas tecnoloxías e no que se están realizando os últimos equipamentos antes de saír navegar.
Estas accións da OPP están encadradas na medida para a posta en valor do oficio pesqueiro e para achegar aos alumnos e futuros tripulantes á realidade pesqueira do porto de Burela, incluídas no plan de produción e comercialización anual, e que contan con axudas da Xunta de Galicia e a Unión Europea a través do FEMPA.