Xove, 25 de novembro, 2024. No día de hoxe, 25N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, dentro do programa de actividades para este día, organizáronse dende a Delegación de Servizos Sociais, Sanidade, Muller e políticas de Igualdade, os seguintes eventos en colaboración co CEIP Perdro Caselles Rollán e o IES Illa de Sarón, de Xove:
Ás 11:00h Proxección do documental “Viñetas Narradas” para o cal o alumnado traballou durante semanas o tema en clase co profesorado, elaborando unha serie de viñetas e poñéndolles voz.
A continuación, todo o alumnado baixou á praza do Concello, onde entre todas e todos construíron un gran lazo morado, símbolo da eliminación da violencia machista, co cal quixeron simbolizar a importancia da suma de cada persoa na loita contra a violencia contra as mulleres.
Acto seguido, as rapazas e rapaces do IES Illa de Sarón despregaron unha pancarta e fixeron lectura do seu Manifesto contra a Violencia de Xénero.
O vídeo “Viñetas Narradas” co traballo das rapazas e rapaces pode verse dende hoxe, 25 de novembro, na web do Concello de Xove: www.xove.es e tamén nas Redes Sociais do Concello de Xove.
Así mesmo, as viñetas orixinais, e o Manifesto do alumnado, permanecerán expostos nas vidrieiras que rodean a praza do Concello durante as seguintes semanas.