Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa Ribadeo celebrará este martes a súa asemblea xeral extrordinaria para afrontar unha importante remodelación

Ribadeo, 25 de novembro de 2024. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo celebrará mañá, 26 de novembro, a súa asemblea xeral extraordinaria para afrontar unha importante remodelación. Será ás 20:30 horas no Cine Teatro.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, lembra que “os asuntos para tratar son os seguintes: 1º) Situación económica e estado da asociación. 2º) Informe e aprobación, se procede, da proposta de modificación de estatutos. 3º) Informe e aprobación, se procede, da proposta de actualización de cotas da entidade. 4º ) Informe e aprobación, se procede, para a modificación do sistema de cobranza de cotas e da política de devolucións. E, por último; 5º) Informe, do orzamento do exercicio 2025 para mostrar cales serán as liñas de traballo do próximo ano”.

E sinala que “ata as 17:30 horas de mañá martes, 26 de novembro, os socios que así o prefiran poderán emitir o seu voto mediante esta vía, a través do correo electrónico ou do whatsapp, respondendo ao cuestionario que se lles fixo chegar e que será o mesmo que se realizará na asemblea presencial. Queremos incidir na importancia destas medidas e de que sexan aprobadas, para poder seguir crecendo e sobre todo para non poñer en risco o traballo conseguido. Cremos que se trata de propostas moi ben fundamentadas e por iso pedímoslles o seu voto afirmativo e o seu respaldo a estas propostas. É importante sinalar que todos os puntos sometidos a votación, consideraranse aprobados se cada proposta é votada favorablemente por 2/3 dos socios que emitisen voto nalgunha das tres modalidades, votando polo menos o 55 % do censo”.

Pérez Prada insiste en que “a parte do voto anticipado existen 2 modalidades de voto máis: presencial, o mesmo día da asemblea, e delegado: os socios que o desexen poderán delegar o seu voto noutro membro da entidade que asista á convocatoria de mañá. Debemos destacar que ter votado anticipadamente non implica non poder asistir igualmente á asemblea a opinar ou a participar no debate das persoas que si asistan, e polo tanto animamos a todos os socios e socias a asistir a esta importante cita”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explica que “antes de levar estas importantes propostas á asemblea xeral extraordinaria analizámolas en profundidade na directiva, debatémolas e chegamos á conclusión de que é preciso dar este paso. As cotas da asociación levan vinte anos sen actualizarse, co que cremos que xa toca poñerse ao día. Tamén é o momento de modificar e actualizar aos tempos que corren os estatutos da asociación. Acisa é un referente no asociacionismo e na organización de actividades na comarca da Mariña, na provincia de Lugo e en Galicia. Se queremos seguir nesa liña debemos tomar medidas, como as que irán á asemblea de mañá”.

E engade: “pedímoslles aos socios e socias que participen votando e opinando. Todos e todas debemos exercer o noso dereito ao voto. Son decisións moi importantes que deben contar co maior apoio posible”.

Exit mobile version