Ribadeo, 6 de novembro de 2024. Acisa e Gestión Gratelu asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a empresa ribadense estará presente na Festa do Comercio, na Gala da asociación e tamén no sorteo do vindeiro Ribadeo Indiano.
Acisa e Gestión Gratelu así o plasmaron no convenio de colaboración asinado por Pablo Posada, administrador de Gestión Gratelu, e Carmen Cruzado, presidenta do colectivo empresarial ribadense. No acto estivo presente o xerente de Acisa, Jesús Pérez.
Cruzado Iglesias tivo palabras de agradecemento: “desde Acisa queremos agradecerlle a Pablo Posada e a Gestión Gratelu o seu apoio económico, xa que van estar presentes como entidade colaboradora en 2025 na Festa do Comercio, na Gala de Acisa e no sorteo do Ribadeo Indiano”.
Pablo Posada declarou que “a sinatura deste convenio con Acisa Ribadeo é un primeiro paso para o que esperamos que poida ser unha colaboración a futuro”.
A presidenta de Acisa lembrou que “as asociacións, como Acisa, nutrímonos das cotas das nosas asociadas e asociados e das subvencións que recibimos de administracións como o Concello de Ribadeo ou a Xunta de Galicia. Somos un colectivo moi activo e si queremos seguir organizando actividades importantes precisamos de máis partidas económicas. E por iso levamos xa un tempo chamando ás portas da iniciativa privada”.
Carmen Cruzado subliñou: “parécenos moi importante e positivo que as empresas, sexan asociadas ou non, se decidan a colaborar economicamente con nos. Iso quere dicir que as actividades que organizamos desde Acisa resultan atractivas para o conxunto da cidadanía e do colectivo empresarial. Agardamos que máis firmas de Ribadeo se sumen a esta andaina que hoxe iniciamos con Gestión Gratelu”.