As solicitudes poderán ser realizadas a través da Plataforma de Contratación do Sector Público entre o día de mañá, 26 de novembro, e o 14 de xaneiro de 2024
Viveiro, 25 de novembro de 2024. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro informa de que mañá, día 26 de novembro, ábrese o prazo de solicitude dos postos dispoñibles no mercado da Praza de Abastos do muncipio.
Previamente xa se anunciara a licitación pública para a concesión destes espazos, que se poderán visitar contactando co Concello no número de teléfono 982 560 128 ou no Departamento de Contratación.
A concelleira de Mercado, Iria Cotelo, sinala que “esta licitación especial busca reverter a situación actual de inactividade que afecta a gran parte dos postos, promovendo o uso e a vitalidade na Praza de Abastos ata que se poidan acometer as obras de remodelación que se están a proxectar”.
O prazo de solicitude dos postos estará aberto durante 30 días hábiles, finalizando o día 14 de xaneiro de 2025. A adxudicación realizarase mediante procedemento aberto, primando a oferta económica máis vantaxosa.
A concesión terá un prazo inicial dun ano, prorrogable por outro ano sempre que non se inicien as obras de remodelación. Permitirase a venda directa de calquera tipo de produto, sempre e cando se realice atención directa ao público desde o propio posto.
O canon anual por metro cadrado está establecido en 4,78€, cunha bonificación especial debido ao carácter excepcional da licitación. O importe poderá ser mellorado ao alza por cada licitador, quen abonará o canon de forma mensual.