Grazas á colaboración da Consellería do Mar coa Confraría de Pescadores de Burela, ponse fin á situación de deterioro da envolvente que supoñía un perigo derivado do deterioro da fachada, debido ao risco de desprendemento da mesma
Esta actuación permite, por unha banda, dar solución á problemática que se ocasionaba cada vez que se presenta un temporal, co conseguinte risco de afectación da cuberta e, pola outra, reducir os custos tanto de recambios e de mantemento dos aparellos e provisións desta modalidade pesqueira, como da conservación da propia infraestrutura.
Estas instalacións, situadas na área portuaria, constitúen un lugar funcional e necesario para a actividade pesqueira, onde poder realizar os labores vinculados coa pesca con redes nunha zona cuberta que, xunto co apoio dun ponte-grúa, agora quedan protexidas das inclemencias meteorolóxicas e en condicións óptimas de seguridade e de saúde para os traballadores.
Actuación demandada
Neste senso, grazas á colaboración económica da administración autonómica coa confraría burelense, ponse fin á situación de deterioro da envolvente que supoñía un perigo derivado do deterioro da fachada, de tal xeito que a nave non resultaba segura como lugar de traballo, debido ao risco de desprendemento da mesma. Por tanto, tal e como explicou Alfonso Villares, con esta actuación, ademais da seguridade e de prolongar a vida útil da nave, tamén se cumpren os parámetros de protección medioambiental.
3.000 m2
A nave ocupa unha superficie de máis de 3.000 metros cadrados e está situada ao carón da explanada norte do porto. Dispón de accesos rodados en todas as súas fachadas, ten trazado rectangular e é totalmente diáfana. Malia que consta dunha soa planta, fronte ao acceso principal dispón dunha parte máis alta acristalada con vistas ao peirao. Compleméntase coa zona de control e servizos e, no exterior, coa parte de aparcadoiro e de carga e descarga.
Estas instalacións son, ademais, a sede de eventos coñecidos como é a feira de produtos artesanais e ecolóxicos Produart, converténdose durante a súa celebración nun escaparate dos valores da sustentabilidade dos recursos pesqueiros, da tradición artesanal e do patrimonio cultural.
Saúdos do gabinete de comunicación da Consellería do Mar