No 2024 estes fondos foron incrementados un 30% superando os 11 millóns de euros o que permitiu atender a expansión da actividade das feiras e a dinamización específica dos produtos de calidade diferenciada
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024. A Xunta de Galicia incrementa os fondos destinados á internacionalización, mellora da comercialización e promoción dos produtos do mar un 80% ata os 20 millóns de euros no 2025. Así o trasladou o director xeral de Pesca Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, na súa comparecencia na comisión 8 do Parlamento onde explicou os convenios asinados pola Consellería do Mar no 2024 con entidades referentes do sector para mellorar a capacidade para xerar valor engadido, emprego e facturación da cadea mar-industria na comunidade.
Antonio Basanta explicou que estes mesmos apoios xa tiveron un incremento no anterior exercicio nun 30% para reforzar a promoción do consumo superando os 11 millóns de euros o que permitiu atender a expansión da actividade das feiras e a dinamización específica dos produtos de calidade. Un traballo que foi complementado mediante con convenios de colaboración con outras entidades como a Fundación Nueva Pescanova, a Organización Interprofesional da Pesca en España (Interfish), Anfaco-Cecopesca, Conxemar ou co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).
O director xeral explicou que estes acordos, que constan de diversos fins, teñen en común a mellora da estrutura comercial e organizativa dos produtos do mar de Galicia e así incrementar a capacidade para xerar valor engadido, emprego e facturación da cadea mar-industria na nosa comunidade. Un traballo que dixo ten o seu impacto na evolución positiva das táboas Input-Output elaboradas pola Universidade de Santiago de Compostela.
Así, detallou que o acordo asinado con Clusaga permitiu a prospección de novos mercados para os produtos pesqueiros galegos mediante o programa Competemar, unha aceleradora de internacionalización coa finalidade de proporcionar un paquete completo de servizos para impulsar a implantación internacional e o desenvolvemento comercial ás empresas da cadea mar-industria. Ademais, tamén incluíu unha acción formativa para directivos coa finalidade de promover a remuda xeracional no conglomerado empresarial do sector pesqueiro galegos no que predominan as empresas familiares.
Respecto ao acordo asinado con Conxemar, destacou a promoción do XII Congreso Internacional Conxemar-FAO celebrado en Vigo, a promoción nacional e internacional da feira de produtos conxelados que se celebra na mesma cidade así como a promoción dos produtos transformados do mar. Por outra banda, respecto ao convenio con Interfish destacou a elaboración dun informe sobre a situación do mercurio en grandes migradores e do selenio no seu consumo, especies de especial interese para Galicia.
Por outra banda, resaltou a promoción das conservas galegas a través do acordo con Anfaco-Cecopesca que permitu a realización da campaña ‘Cata la lata’ a través de gastronetas, ou a valorización do patrimonio conserveiro galego así como a promoción destes produtos no ámbito internacional, entre outros.
Foro da sostibilidade
O director xeral sinalou que o convenio coa Fundación Nueva Pescanova tiña como obxecto a celebración II Foro Galicia de Sostenibilidade dos Produtos do Mar que rematou hoxe en Vigo. Baixo o lema Unha visión asimétrica da sostenibilidade, converteu á comunidade en epicentro do diálogo global e do debate da sostibilidade no ámbito da actividade pesqueira, coa presenza de expertos internacionais que abordaron nos seus relatorios os principais retos que afronta o sector.