Esta colaboración permite avanzar na competitividade e sustentabilidade do sector e acadar unha maior soberanía alimentaria, ademais de atraer novo talento e aportar un maior valor engadido debido ao seu carácter científico
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, asinaron este luns dous convenios de colaboración para impulsar a produtividade das rías galegas ata 2026. Trátase de dous proxectos destinados, en primeiro lugar, a analizar a idoneidade da capacidade de carga do cultivo de moluscos, principalmente do mexillón, e, en segundo lugar, á obtención de marcadores moleculares de resistencia á salinidade no berberecho.
En total, o departamento que dirixe Villares, destina a estas dúas actuacións preto de 600.000 euros. Esta colaboración permite avanzar na competitividade e sustentabilidade do sector e acadar unha maior soberanía alimentaria. Reforza, ademais, a aposta polo desenvolvemento científico, tecnolóxico e innovación no ámbito galego mediante a execución de proxectos I+D dentro da comunidade; o que permite, de xeito paralelo, atraer novo talento e aportar un maior valor engadido.
Cultivo do mexillón
No primeiro do casos, o acordo recolle un financiamento plurianual de 413.706 euros, e os traballos desenvolveranse inicialmente nas rías de Arousa e Muros-Noia, por ser as que presentan maior e menor intensidade de explotación acuícola respectivamente, e nas que se realizarán mostraxes das zonas interna, media e externa. No proxecto están implicados o Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (IARCUS) e o centro de investigación CRETUS, ambos os dous dependentes da USC.
O obxectivo central é coñecer o efecto que os polígonos dedicados ao cultivo do mexillón poden ter sobre a calidade e produción do ecosistemas das rías, avaliando tanto o efecto depurador como concentrador de contaminantes químicos, orgánicos e microbianos, así como a súa repercusión sobre a calidade do ambiente sedimentario e da auga, e a dispoñibilidade de recurso alimentario para outras especies.
RESALBER
O segundo, coñecido como RESALBER, levarase a cabo en colaboración coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra e as de Vilaxoán, Moaña e as que xestionan a lonxa de Campelo. Neste caso, o investimento, tamén de carácter plurianual, é de 174.210 euros.
Esta actuación permitirá identificar marcadores e desenvolver estratexias para a obtención de estirpes de berberecho tolerantes aos descensos de salinidade e conseguir unha produción máis sostible do recurso.
Para o seu desenvolvemento contarase tamén co grupo de investigación Acuigen de xenética aplicada acuicultura e á conservación dos recursos biolóxicos. Situado na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, está especializado na xenética e xenoma dos moluscos bivalvos.