Alfonso Villares subliñou que a sentencia do Tribunal Constitucional que declarou constitucional a LOXILGA establece un novo marco que permite reimpulsar o proceso, polo que a partir do vindeiros días comezarán a celebrarse reunións cos concellos implicados
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2024. A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, e a Fegamp veñen de consensuar os criterios que determinarán a elección dos terreos portuarios que se incluirán na primeira fase de reversións de superficies de dominio público portuario á Administración Xeral do Estado. Así o manifestaron esta mañá o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias nunha reunión na que tamén participou o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, na que o representante do Executivo galego presentou a proposta de actuación da Xunta de Galicia e agradeceu a colaboración da FEGAMP no proceso.
Villares explicou que a sentenza do Tribunal Constitucional que declarou constitucional a Lei de Ordenación Integral do Litoral de Galicia (LOXILGA) establece un novo marco que permite reimpulsar o proceso de reversións. Por este motivo, nos vindeiros días celebraranse reunións cos concellos implicados para presentar as propostas técnicas elaboradas por Portos de Galicia para a delimitación concreta das superficies declaradas innecesarias para a actividade portuaria, susceptibles de reversión e contrastadas coas dos concellos.
O conselleiro do Mar insistiu na complexidade do proceso longo pola súa complexidade, que ten que culminar coa aprobación no Consello de Ministros. Segundo explicou, logo das reunións con concellos os trámites a seguir serán a elevación da proposta ao Consello Reitor de Portos de Galicia, a remisión a Consellería de Facenda, dadas as súas competencias en materia de patrimonio, que o elevará ao Consello da Xunta. Logo da aprobación remítese á Administración Xeral do Estado para a súa tramitación e aprobación en Consello de Ministros.