Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación apoiará a organización do décimo Ribadeo Indiano cunha achega de 23.000 euros a ACISA

Iria Castro reuniuse con representantes da entidade ribadense para concretar a colaboración de cara ao vindeiro ano

Ribadeo, 28 de novembro de 2024. A deputada de Cultura Iria Castro mantivo un encontro en Ribadeo con representantes da Asociación de Comerciantes e Industriais de Ribadeo ACISA para concretar fórmulas de colaboración de cara á proxima edición do Ribadeo Indiano.

Iria Castro adiantou que a entidade provincial tramitará unha achega de 23.000 euros para “colaborar con ACISA na organización de actividades para a décima edición deste evento, que desde a súa posta en macha contribuíu de forma decisiva a poñer en valor o patrimonio arquitectónico e cultural de Ribadeo a partir do legado da emigración a América”

A responsábel provincial explicou que “a través desta colaboración con ACISA mantemos o apoio ao Ribadeo Indiano e recoñecemos a contribución que o tecido empresarial e social de Ribadeo fixo ao longo destes anos para posicionar esta cita como un das celebracións máis singulares en Galiza e das máis participadas pola veciñanza e polos visitantes”.

Iria Castro subliñou “a vontade de seguir contribuíndo á organización do Ribadeo Indiano desde a área de Cultura, salvando a falta de colaboración institucional por parte do Concello de Ribadeo, empeñado en confrontar coa Deputación de Lugo en todos os ámbitos, tanto en reunións e actos institucionais como no incumprimento das obrigas recollidas nos convenios entre ambas administracións”.

A subvención a ACISA destinarase a traballos de ambientación e de recreación histórica nas rúas e nos locais de hostelería e comercio de Ribadeo e á organización de diferentes actividades relacionadas coa cultura indiana.

Exit mobile version