A Valedora confirma o incumprimento da Xunta co CEIP plurilingüe Castro de Ouro: “Unha situación excepcional que exixe solucións urxentes”, indica
A Valedora do Pobo, tras analizar a denuncia das familias, establece que é necesario cumprir co ratio estipulado no Acordo de Agrupamentos do 2009, que indica que non se pode agrupar alumnado de diferentes ciclos nunha mesma unidade cando o número de estudantes supere os 12. Ademais, engade que, no caso de que a Consellería considere que non é posible aplicar esta norma, deberá xustificar adecuadamente os motivos e remitir á ANPA un informe detallado que analice as circunstancias excepcionais que aconsellan unha decisión diferente.
“Esta resolución supón un respaldo institucional á nosa loita, reforzando a demanda de que o noso centro conte cos recursos necesarios para ofrecer unha educación de calidade”, subliñan desde a ANPA. A Valedora do Pobo dá á Consellería de Educación un prazo dun mes para responder oficialmente a esta resolución.
Desde a ANPA valoran moi positivamente a dilixencia coa que a Valedora do Pobo tratou este asunto, así como a claridade coa que recoñece que a situación do CEIP Castro de Ouro é “excepcional”. “Este termo non é menor e confirma que as condicións actuais do noso colexio están lonxe da normalidade e que, en circunstancias normais, deberiamos contar con máis recursos, en particular con máis persoal docente”, indican as familias.
Este apoio institucional é froito da unidade das familias, da implicación da comunidade educativa e das accións que se levan realizado nos últimos meses, “reforzando o noso convencemento de que a nosa loita está máis xustificada que nunca” subliñan.
Ademais, a propia Valedora indica que a Consellería debe remitir á ANPA un informe detallado, “o que supón un novo escenario no que se nos trata como interlocutor necesario, algo que levamos reclamando da Consellería e que sempre se nos negou”, indican desde a ANPA, recordando a desafortunada actuación da Inspección de Lugo “que solo se presentou no centro para contar os alumnos e non para recibir ás familias nin para ver as necesidades do centro”.
O incumprimento da normativa por parte da Xunta, recoñecido agora pola Valedora do Pobo, pon en evidencia a falta de vontade política para solucionar este problema. “Desde a ANPA esiximos que se adopten as medidas necesarias para corrixir esta situación e que o noso centro recupere a normalidade”, indican.
As familias recalcan que non descansán ata que o CEIP Castro de Ouro conte cos recursos que lle corresponden por dereito, como é o caso dos agrupamnetos, ou por necesidades específicas, como a reposición da especialista en Pedagoxía Terapeutica (PT). “Este respaldo da Valedora do Pobo é un paso máis nesa loita, que continuaremos con firmeza, pero tamén co apoio dunha resolución que evidencia que temos a razón”, conclúen desde a ANPA.