Site icon Crónica3.com A Mariña

A Subdelegación do Goberno en Lugo clama contras violencias machistas, a expresión máis cruel da desigualdade e as relacións de poder entre homes e mulleres

A provincia rexistra 796 casos activos no sistema VioXén, con 773 vítimas baixo seguimento

Lugo, 25 de novembro de 2024. No marco da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Subdelegación do Goberno en Lugo reafirmou o compromiso do Goberno de España coa erradicación de todas as formas de violencia machista. Así se manifestou na lectura da declaración institucional, situando esta cuestión de Estado como a expresión máis crúa da desigualdade e as relacións de poder entre homes e mulleres.

Na provincia de Lugo, os datos do sistema VioXén reflicten a persistencia desta problemática estrutural: 796 casos activos que afectan a 773 vítimas, das cales o 64,6 % son españolas e as 35,4 % estranxeiras. En canto aos agresores, 182 dos 780 rexistrados son persistentes, con máis dunha vítima, e deles, 138 son de nacionalidade española. Ademais, destácase que 768 casos contan con ordes de protección activas, mentres que os dispositivos COMETA e ATENPRO están en funcionamento en 49 e 32 casos respectivamente.

Con 1.286 mulleres asasinadas desde 2003 por violencia de xénero en España, desde a Subdelegación instaron a redobrar esforzos desde todos os ámbitos: “A vergoña non pode estar do lado das vítimas, senón dos agresores e de quen mira cara a outro lado. Debemos seguir traballando unidos por unha sociedade libre de violencia contra as mulleres e as nenas”. Neste senso, condenouse explicitamente a violencia “que golpeou na nosa provincia esta fin de semana, con dúas agresións machistas en Lugo e Vilalba”.

No transcurso do acto, tamén se lembrou que o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado en 2017, permitiu implementar diversas medidas para reforzar a atención ás vítimas en todo o territorio. No último ano, os municipios de Lugo recibiron máis de 240.000 euros para mellorar os servizos e recursos dispoñibles.

“Erradicar a violencia contra as mulleres é un deber de toda a sociedade, porque malia os avances lexislativos e o aumento da cobertura económica, social ou psicolóxica das vítimas, queda moito por facer”.

O acto culminou cun minuto de silencio en memoria das mulleres vítimas da violencia machista e cun chamamento para renovar o compromiso colectivo, político e social para lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Exit mobile version