Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade celebrará do 1 ao 3 de decembro as Xornadas Gastronómicas ‘Amodo’, que reunirán no destino a especialistas e medios de comunicación

A Mariña, 18 de novembro de 2024. AMODO, Conversas arredor da gastronomía na Mariña é un encontro vinculado á gastronomía, organizado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense coa colaboración, na secretaría técnica, de Jorge Guitián e Anna Mayer -profesionais no ámbito de proxectos gastronómicos- e do Colectivo de Gastronomía da Mariña.

Este evento nace do Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña, presentado o pasado mes de xuño en Viveiro, no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense que xestiona a Mancomunidade, e que está cofinanciado entre esta entidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

A presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Rocío López, subliñou que “o obxectivo desta convocatoria é posicionar ao territorio da Mariña como un espazo creativo e innovador que reflexiona sobre a súa realidade gastronómica, así como reforzar a gastronomía como un eixo fundamental da imaxe de marca do destino”.

López contou que “as conversas, que terán lugar entre o 1 e o 3 de decembro, agrupan dúas propostas diferenciadas e transversais. Haberá unha xornada de sesións abertas ao público. O 2 de decembro, entre as 9:00 e as 17:30 horas, no Auditorio da Fábrica de Sargadelos, en Cervo, está programada a realización de dúas sesións de conferencias e unha mesa redonda. Os temas a tratar céntranse na influencia da gastronomía na imaxe do destino, a gastronomía desde unha perspectiva cultural e sobre proxectos gastronómicos afíns”.

Para abordalas, contarase coa participación de destacados profesionais do panorama da gastronomía e do turismo gastronómico de España como David Mora, director do master de Turismo Gastronómico do Basque Culinary Center, de San Sebastián; Pep Palau, fundador de Galicia Fórum Gastrómico e de Barcelona Fórum Gastronómic; a escritora Claudia Polo; a xornalista Rosa Molinero; a xornalista e docente Yanet Acosta, directora de The Foodie Studies; as cociñeiras María Solivellas (Ca Na Toneta, Mallorca. 1 estrela verde na Guía Michelin) e Lucía Freitas (A Tafona, Santiago de Compostela. 1 estrela Michelin); Lluis Nel, xestor de proxectos gastronómicos en Asturias ou Pepe Ferrer, embaixador gastronómico do Consello Regulador da D.O. Vinos de Jerez.

A xornada do luns rematará coa entrega do I Premio Merlín na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo, co que se recoñecerá un proxecto gastronómico destacado que se fará público no propio acto.

A presidenta da Mancomunidade contou que “paralelamente, durante os tres días que dura o evento, terá lugar un press-trip para o recoñecemento do territorio por parte dos profesionais e de periodistas especializados convidados, con visitas a diversos atractivos do destino e a unha mostra da gran diversidade de axentes e produtos da cadea de valor que existen no ecosistema gastronómico da Mariña, así como a divulgación do Colectivo Gastronómico da Mariña recentemente creado”.
AMODO contará coa participación de máis de 15 medios de comunicación especializados de primeiro nivel do ámbito galego e estatal. A xornada do día 2, no Auditorio de Sargadelos, estará aberta ao público ata completar aforo e non é precisa inscrición previa.

Mais información sobre esta actividade no seguinte enlace: https://amarinalucense.gal/es/noticias/amodo-conversas-arredor-da-gastronomia-na-marina

PROGRAMA

 

Exit mobile version