Site icon Crónica3.com A Mariña

A Garda Civil detivo a un veciño de Barreiros como suposto autor dos delitos de roubo con forza nas cousas e simulación de delito

Barreiros, 29 de novembro, 2024. O xerente dun establecemento de hostalería situado no termo municipal de Lourenzá presentou a pasada semana en dependencias oficiais da Garda Civil de Mondoñedo unha denuncia comunicando ser vítima dun roubo no interior dun local comercial.

O denunciante manifestou que autores descoñecidos accederon ao interior do bar apropiándose da totalidade do diñeiro da máquina recreativa e da caixa rexistradora, así como da cesta de nadal que o propio local sorteaba entre os seus clientes.

Iniciouse unha investigación policial para esclarecer os delitos e deter ao autor/autores. As diversas probas e indicios, así como declaracións testificais, descartaron que os feitos se produciran nos termos denunciados polo xerente do establecemento.

No marco de pescudas realizadas comprobouse que a máquina recreativa estivo a funcionar en horas nas que o local se atopaba pechado ao público, tanto en tramos horarios como durante a xornada de descanso, coincidindo coa data na que hipoteticamente se producra o roubo. O propio hostaleiro impediu voluntariamente que a maquina fose recadada no prazo debido, permitindo que esta albergase no seu interior máis cartos do habitual, extremo este que só podía ser coñecido polo xerente dun establecemento que carece de empregados.

Na véspera do suposto roubo, a máquina recreativa permaneceu apagada durante o horario de apertura do local, impedindo así que clientes ou terceiros puidesen facer uso da mesma. A persoa detida e as dilixencias policiais foron remitidas ao Xulgado de 1ª. Instancia e Instrución de Garda de Mondoñedo.

Exit mobile version