Foz, 29 de novembro, 2024. O grupo teatral O Centiño de San Martiño leva xa moitos anos celebrando pola época do Nadal unha Gala Solidaria co gallo de recadar fondos para as persoas máis necesitadas. Representan algunha das súas obras ou ben convidan a amigos doutros grupos teatrais para que participen.
A entrada a esta Gala é libre e no descanso da mesma pasarase unha cesta para recadar os donativos que os asistentes estimen oportuno dar. Deste xeito “queremos demostrar que o teatro, ademais de ser unha arte, é unha forma de facer feliz á xente, tanto aos espectadores, que poden desfrutar dun bo rato ríndose, como a outras persoas que, sen estar na representación, reciben logo os beneficios do recadado, que neste caso irán destinados ao Banco de Alimentos de Foz”.
Este ano 2024 celebrarase a Gala Solidaria o día 7 de decembro, sábado, polas 19,00 horas, na Sala Bahía de Foz, lugar senlleiro para os encontros sociais e artísticos do concello.
“Gustaríanos encher o aforo da sala, desfrutar de boa compañía e, de paso, contribuír cunha boa recadación para que a vida de moita xente deixe de ser tan difícil e se faga máis humana”.
Representarán unha obra que fala da vida e dos sentimentos das persoas, da saúde e do espírito, da xubilación e das ganas de vivir. A peza titúlase “A morte morrida” e nela mestúranse as cousas divinas e humanas, o material e o espiritual, a vida e a morte, sempre en clave de comedia, coa risa como bandeira e coa reflexión como fondo, “porque pensar non é oposto a pasalo ben”.