José Tomé asinou coa vicepresidenta do colectivo un acordo a través do que a institución provincial destina 7.000€ para este programa que se desenvolve en Ribadeo, Foz, Burela, Viveiro e nos domicilios, e que inclúe fisioterapia e atención psicolóxica
Lugo, 5 de novembro de 2024. O Presidente da Deputación, José Tomé, e a vicepresidenta de COGAMI A Mariña, María Josefa Castaño, renovaron no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración a través do que a institución provincial reafirma o seu compromiso co apoio á inclusión e benestar das persoas con discapacidade na comarca da Mariña, a través dunha achega de 7.000 euros.
Tomé Roca explicou que esta contribución permite que se poida desenvolver un proxecto de rehabilitación física e emocional dirixido a mellorar a calidade de vida e o benestar integral das persoas con discapacidade e das súas familias. O programa estrutúrase en torno a dous grandes obxectivos: primeiro, apoiar a superación das dificultades detectadas e demandadas polas persoas con discapacidade física e as súas familias; e segundo, ofrecer un tratamento integral que considere cada persoa no seu conxunto, abordando as súas necesidades físicas, emocionais e sociais.
As actividades do proxecto inclúen servizos de fisioterapia, tanto en clínica como a domicilio para as persoas con dificultades de desprazamento, e atención psicolóxica, ofrecendo así un apoio continuo e personalizado. Estas intervencións non só benefician directamente ás persoas con discapacidade, senón que tamén ofrecen soporte aos coidadores e familiares, implicando a un total de 60 persoas na iniciativa.
O programa desenvólvese en varias localidades da Mariña, como Ribadeo, Foz, Burela e Viveiro, garantindo que os servizos cheguen de forma accesible e adaptada ás necesidades de cada persoa.
Grazas á colaboración coa Deputación de Lugo, Cogami A Mariña continúa avanzando na súa misión de promover a autonomía e mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, contribuíndo así á construción dunha sociedade máis inclusiva e solidaria.