Preto de 3.650 persoas de 150 asociacións da provincia participaron na cuarta edición desta iniciativa que se desenvolveu en dúas quendas neste 2024. Nos últimos dous meses foron protagonistas un total de 72 entidades e máis de 1.600 persoas
Lugo, 9 de novembro de 2024. A Deputación de Lugo vén de pechar esta semana “con éxito” unha nova tempada do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia. Preto de 3.650 persoas de 150 asociacións da provincia participaron na cuarta edición desta iniciativa que se desenvolveu en dúas quendas neste 2024. Entre os meses de setembro e outubro, un total de 1.648 persoas de 72 colectivos participaron nesta proposta turística dirixida a dinamizar a economía local e dar a coñecer o territorio xerando un retorno económico de máis de 115.000€.
Esta semana catro entidades de Guitiriz, Foz, Taboada e Barreiros percorreron as comarcas da Ribeira Sacra, A Mariña e Sarria.
O martes, a asociación Os Vilares de Guitiriz fixo a ruta de Quiroga, que inclúe entre outros unha visita a unha empresa produtora de viño e de aceite do territorio e a un obradoiro de artesanía. Antes de iniciar o seu recorrido pola Ribeira Sacra, o colectivo veciñal parou na Granxa Gayoso, onde coñeceu as instalacións da institución provincial.
As asociacións do Castro de Vilaronte de Foz e de Santa María de Xián de Taboada foron os protagonistas o xoves deste programa de viaxes. Os primeiros pararon no Pazo de San Marcos da Deputación antes de continuar a súa ruta cara a abadía de San Clodio e o centro de interpretación da minería aurífera en Ribas de Sil e despois fixeron unha visita ao túnel e igrexa de Montefurado. Os segundos coñeceron a Produtora do Servizo de Audiovisuais provincial e logo seguiron ata Mondoñedo, onde coñeceron entre outras puntos de interese o casco antigo e o cemiterio vello.
A veciñanza de San Pastor, de Barreiros, pechou o venres esta tempada do Coñece. O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, deulles á benvida no Mazo de Santa Comba da institución provincial antes de que puxeran rumbo a Sarria e a Samos. Visitaron o mosteiro de Samos, o casco histórico de Sarria e o museo do pan.
Unha tempada máis, o programa Coñece a túa Provincia incluíu, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.