O Deputado de Promoción Económica e Social anunciou a aprobación das bases e a convocatoria do programa de termalismo da institución provincial, que esta edición “potenciamos cunha subida do investimento de 91.000€ a 121.605€, e das prazas pasando de 1.340 a 1.750, co fin de mellorar o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia”
Pablo Rivera destacou que o aumento das prazas reflicte o compromiso da Deputación “para mellorar o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas, ao mesmo tempo que se aposta por fortalecer e potenciar a economía”.
“Estamos a realizar un esforzo significativo para impulsar a economía vinculada ao turismo termal e apoiar os establecementos da nosa provincia, fomentando a súa actividade en tempada baixa”, subliñou. Nesta liña, comparou as prazas que pon a disposición a institución provincial coas da Xunta de Galicia para toda a comunidade autónoma “unhas 1.230 prazas, 520 menos das que ofrecemos nós na Deputación tan só para a provincia de Lugo”.
1.100 prazas con estancia e 650 sen estancia
O programa Lugo Termal ofrece aos veciños e veciñas da provincia descontos en tratamentos termais nos balnearios de Lugo, Pambre, Guitiriz e Pantón. Está dirixido a persoas empadroadas na provincia que teñan 50 anos ou máis. Os beneficiarios poderán acudir a estes establecementos cun acompañante que non teña necesariamente esta idade.
As prazas están dispoñibles en dúas modalidades: con estancia e sen estancia, adaptándose así ás necesidades e preferencias de todos os usuarios. Concretamente, o programa contará con 1.100 prazas con estancia: 40 no Balneario Termas de Lugo, 60 no Balneario Río Pambre, 500 no Balneario de Guitiriz e 500 no Hotel Balneario Augas Santas. Ademais a Deputación ofrecerá outras 650 prazas sen estancia: 200 no Balneario lucense das Termas, 150 no Balneario Río Pambre, 150 no Balneario de Guitiriz e 150 no Hotel Balneario Augas Santas.
“Nesta nova edición, a número 13, os beneficiarios do programa terán descontos de entre un 10 e un 20%”, en función da modalidade –con estancia ou sen estancia, explicou o Deputado de Promoción Económica e Social. Así mesmo, sinalou, que como en anos anteriores, “haberá diferentes técnicas e tratamentos a disposición das persoas usuarias”.
As bases sairán publicadas este sábado no Boletín Oficial da Provincia, e a partir do vindeiro luns, 2 de decembro, os interesados poderán formalizar as solicitudes para poder acceder a unha das 1.750 prazas ofertadas que se validarán por orde de rexistro.