A Xunta de Goberno licitou a mellora de dous quilómetros ao inicio da LU-P-4901, en Portomarín; un novo treito de case 6 quilómetros da LU-P-2904, desde Lugo ao Corgo; e dous tramos da LU-P-0106 ao seu paso polos concellos de Abadín e Vilalba
No que ten que ver coas estradas provinciais, informou da licitación de tres proxectos, por máis de medio millón de euros, que beneficiarán de xeito directo aos concellos de Portomarín, Lugo, O Corgo, Abadín e Vilalba.
En Portomarín, a Deputación acondicionará un tramo de dous quilómetros da LU-P-4901, que é a que conecta a aldea de Camporredondo coa parroquia de Castromaior, por Nespereira. O prezo de licitación é de preto de 64.000€ e o proxecto inclúe a reapertura de cunetas e a reparación do pavimento. Os traballos serán desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 2,022 e terán un prazo de execución de 2 meses desde o inicio das obras. Trátase dunha actuación importante porque esta vía provincial enlaza a estrada nacional 540 e a autonómica LU-633, ambas con moito tráfico.
Entre os concellos de Lugo e O Corgo, a institución provincial acondicionará preto de 6 quilómetros da LU-P-2904, que comunica parroquia lucense de Conturiz co concello do Páramo. O prezo de licitación é de case 267.000€ e as obras, que se estenderán desde o quilómetro 3,717 ata o 9, incluirán limpeza de cunetas, drenaxe, pavimentación e sinalización, cun prazo de execución de dous meses.
Esta estrada é “clave”, en palabras de García Porto, porque dá servizo directo a cinco parroquias: Santo André de Castro e San Xoán de Pena, en Lugo; e Chamoso, Paradela e Quinte, no Corgo. Así mesmo, dá acceso a rutas de sendeirismo, e soporta un alto volume de tráfico agrícola, o que provoca un importante desgaste.
Entre os concellos de Abadín e Vilalba, a Voceira sinalou que a institución provincial acometerá obras en dous treitos da LU-P-0106. Por unha banda os primeiros 600 metros, e por outra o tramo comprendido entre os quilómetros 2,920 e 6,043. “Estas melloras son clave para as comunicacións na comarca chairega”, xa que como explicou a Deputada a estrada conecta a vía autonómica LU-113, que vai de Rozas a Abadín, coa Nacional 634.
Con estes novos investimentos, sinalou Pilar García Porto, “continuamos facendo un gran esforzo investidor para manter e mellorar a rede viaria provincial”, a máis extensa de todas as Deputacións en España, cun total de 4.217 quilómetros de lonxitude. “Un compromiso que reforzaremos de cara ó ano que vén, porque como xa anunciou o Presidente hai unhas semanas no Parlamento, dedicaremos ás estradas boa parte do Orzamento que se incrementará no 2025 grazas aos Fondos do Estado”, afirmou a Voceira Socialista do Goberno provincial.
Cooperación cos Concellos e o tecido asociativo
A Xunta de Goberno desta mañá aprobou tamén diferentes colaboracións con concellos e co tecido asociativo da provincia, por un importe que supera o medio millóns de euros e “do que se beneficiarán centos de veciños e veciñas”, subliñou García Porto.
En concreto, a Deputación destinará máis de 100.000 euros para mellorar a cuberta do colexio de Zanfoga, en Pedrafita do Cebreiro; e outros 133.000 euros para repoñer a da Casa da Cultura en Vilalba. Achegará 110.000 euros para dotar a Navia de Suarna dunha nova área recreativa en Barciabel, nunha parcela de 18.000 m². Os traballos incluirán a creación dunha senda circular e a instalación de mobiliario urbano.
Colaborará tamén con Ribas de Sil por un importe de 115.000 euros para diferentes actuacións como dotar ao cámping de instalación eléctrica, mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público, e pavimentar diferentes camiños municipais.
Na Fonsagrada, a institución provincial achegará outros 115.000 euros para acondicionar diferentes accesos e vías municipais, principalmente na parroquia do Vieiro, no barrio de Fondo de Vila e en varios núcleos de Maderne e Lamas de Moreira. Ademais, a Deputación acordou unha achega de 18.000 euros co Casino Ateneo de Monforte de Lemos para a reforma dos baños da súa sede.