A institución provincial acordou tamén achegar medio millón de euros á Fundación Terreo de Ribeira de Piquín, e a Cervantes, Lourenzá e Guitiriz para a mellora de infraestruturas, camiños, dotacións e equipamentos municipais
“Un convenio que servirá para financiar diferentes actividades de todo tipo, que contribuirán ao reforzo de institutos e centros de investigación; mellorar infraestruturas docentes; facer divulgación científica a través de cursos, congresos e seminarios; e tamén para outras cuestións como promocionar as titulacións do Campus de Lugo”, exemplificou a Deputada.
Enmarcou esta colaboración no apoio da Deputación de Lugo “na educación pública, universal e de calidade, como ferramenta para garantir a igualdade de oportunidades” e lembrou que a institución provincial impulsou a creación do Campus Terra e apoia os seus intereses e a súa actividade “ano tras ano”, “convencidos de que o noso Campus é un dos grandes motores da provincia: pola propia actividade que xera a comunidade educativa na economía local; e pola transferencia de coñecemento e innovación ó tecido produtivo”.
En materia de colaboracións, informou que a Xunta de Goberno deu tamén luz verde a outras catro colaboracións con concellos e entidades da provincia por medio millón de euros.
Infraestruturas, camiños, dotacións e equipamentos municipais
A Deputación achegará a Cervantes 111.000€ para o acondicionamento de camiños nas aldeas de Piornedo e Riamonte de Arriba e tamén nas parroquias de Vilarello, Santalla, Vilasante e Vilaspasantes. Ademais, gracias a este investimento, a institución provincial financiará a compra de catro quentadores para o polideportivo no que se realizan eventos importantes para o municipio, como as feiras de artesanía, a degustación da tenreira ou a festa dos maiores.O Concello achegará preto de 90.000€ para estas actuacións e así completar un orzamento conxunto de 200.000€.
Ademais, a Deputación investirá 113.000€ na Fundación Terreo, de Ribeira de Piquín, para a adquisición de maquinaria, instalacións e obras que melloren a produtividade das súas actividades agrícolas, acuícolas e gandeiras. Entre outras actuacións, grazas a esta achega da institución provincial -que completa a Fundación Terreo con outros 2.165€- poderase construír un tanque para a piscifactoría; adquirir un vehículo frigorífico, ou unha fresadora.
En Lourenzá, a achega da institución provincial acadará os 111.000€ e servirá para mellorar a nave municipal do recinto feiral Ponte de Cuñas. Grazas a esta actuación, para a que o Concello mariñán achegará outros 25.000€, acondicionarase esta dotación para convertela nun centro multiusos. As obras a financiar con esta colaboración serán a substitución da cuberta e o tapiado dos frontóns da edificación.
En Guitiriz, a Deputación colaborará con 143.000€ para unha decena de actuacións. Mellorar a drenaxe e camiños nas parroquias de Roca, Buriz e Becín; acondicionar o espazo destinado a almacén no campo de fútbol de Suso de Cruz ou mellorar a explanada destinada a aparcamento no de Noreña Basanta en Parga son algunhas das obras que abordaremos con ese investimento.
Contratos para diferentes servizos provinciais
A Xunta de Goberno licitou ademais, por preto de 77.000€, o mantemento por un ano da aplicación que utiliza o servizo de recadación da Deputación para a xestión tributaria, a contabilidade e contas da institución provincial.
Ademais, adxudicou un contrato por dous anos e por preto de 300.000€, para seguir avanzado na ciberseguridade da institución. Un servizo de oficina técnica que prestará Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España SAU por un período de dous anos con posibilidade de prorrogar por un ano máis e que suporá tamén adaptar os procesos actuais á normativa do Esquema Nacional de Seguridade.
E xa por último, quedou adxudicado o contrato, por 23 meses e máis de 774.000€, para a subministración de combustibles para o Parque Móbil. A adxudicataria é a empresa SOLRED SA, que ofertou un desconto do 17,9%. Este contrato entrará en vigor o próximo mes de decembro e rematará en novembro do 2026.