Ademais a institución provincial aprobou o proxecto de acondicionamento e mellora do trazado do tramo que falta para completar a renovación da estrada que comunica Seoane do Courel con Pedrafita do Cebreiro e no que investirá case 400.000€
Lugo, 28 de novembro de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este xoves diferentes convenios de colaboración para mellorar as dotacións e os servizos públicos dos veciños e veciñas de Láncara, Trabada, O Vicedo e Quiroga. Así o informou esta mañá o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que enmarcou estas achegas na acción estratéxica do Goberno provincial para cooperar cos 67 concellos da provincia.
Detallou Rivera Capón que en Láncara, a institución provincial achegará 110.000 euros para realizar melloras en varias estradas municipais e para adquirir un vehículo tipo SUV. O Concello lancarés completará o investimento con máis de 32.000€ para chegar a un orzamento conxunto que superará os 142.000€.
Concretamente, este investimento irá destinado ao acondicionamento de camiños municipais que dan acceso a lugares de montaña como Esfarrapa, Casablanca, O Furco e A Cortella, na parroquia de Santiago de Cedrón; e camiños de acceso a Bustelo, na parroquia de Vilouzán. Unhas actuacións que contemplan melloras do firme, que inclúen tarefas de limpeza e asfaltado. Tamén se adquirirá, con cargo a esta achega, un vehículo tipo SUV co obxectivo de reforzar servizos básicos e modernizar o parque móbil municipal.
Avanzou ademais que en Trabada a Deputación achegará 105.000€ para a construción dunha nova instalación deportiva e para acondicionar diferentes vías municipais.A meirande parte do investimento para o Concello mariñán irá destinada a dotar ao municipio dun circuíto de pump track para bicicletas e monopatíns no complexo deportivo de Santa María. Unha nova instalación que estará situada entre o colexio e a piscina municipal, e que forma parte da aposta do Concello por mellorar as instalacións deportivas e ampliar a oferta de actividades no municipio. Por outra parte, e con cargo a esta achega, Trabada mellorará tamén dos accesos a Pena Quente, na parroquia de Sante; e os de Vilaxuá e da Igrexa, na parroquia de Vilaformán.
No Vicedo, a Deputación achegará 16.160€ á Unión Deportiva Folgueiro “para garantir a continuidade dun club cunha sólida traxectoria de 21 anos”. Neste sentido, Pablo Rivera asegurou que este club “xoga un papel esencial na comunidade, promovendo o deporte e converténdose nun importante punto de encontro para veciños e veciñas, tanto do Vicedo como da zona norte da provincia”.
Finalmente, informou o Deputado que en Quiroga, a institución provincial achega 20.000€ á Asociación para a Promoción Territorial Montañas do Courel para o XXII Simposio sobre Ensinanza da Xeoloxía, celebrado este verán no Xeoparque. Un evento reuniu a 175 profesores de toda España, “poñendo en valor e dando visibilidade a este importante espazo natural.
Mellora do último tramo da estrada de Pedrafita a Seoane do Courel
No que ten que ver coas estradas provinciais, a Xunta de Goberno deste xoves aprobou o proxecto para acondicionar un novo tramo da estrada LU-P-1301, que conecta Seoane do Courel e Pedrafita do Cebreiro.
Concretamente, esta actuación afectará ao tramo que vai desde o punto quilométrico 6,868 e o 7,350 e contará cun investimento da Deputación de preto de 400.000€. As obras consistirán en dar continuidade á mellora do trazado, ampliando o ancho da vía como fixo xa a institución provincial entre os quilómetros o 7,350 e o 12,591.
Así, continuamos dando os pasos necesarios para rematar de arranxar os 6 quilómetros que quedaban pendentes para a rehabilitación completa desta estrada, tal e como se comprometera o Presidente. Nos últimos anos, a institución provincial destinou máis de 1M€ para a mellora desta estrada, fundamental para as comunicacións da Montaña.