Alfonso Villares reuniuse cunha ampla representación de clubs náuticos e mariñas para informar sobre o cambio normativo recollido na Lei de medidas e que “reforzará a actividade económica e seguridade xurídica” das entidades asentadas nos peiraos galegos
Villares, que estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou que un total de 13 clubs náuticos e mariñas o obxectivo principal da nova regulación, que unha vez aprobada, entraría en vigor o 1 de xaneiro de 2025, é “reforzar a actividade económica dos nosos portos e a seguridade xurídica dos concesionarios” que se asentan neles. Para elo, a nova normativa simplifica a regulacións das prórrogas das concesións en dominio público dos portos galegos e amplía os seus prazos de vixencia no caso de que se afronten investimentos de importancia.
Tal como explicou o conselleiro, o cambio normativo permitirá, en primeiro lugar, que as concesións que teñen unha relevancia estratéxica para a actividade do porto poidan ampliar o seu prazo máximo de vixencia de 50 a 75 anos sempre que apoien esta ampliación cun investimento ou achega económica proporcionada, cun mínimo de 500.000 euros. En segundo lugar posibilitará ao global das concesionarias portuarias ampliar os seus prazos de prórroga ata un 50% máis do prazo inicial, respectando en todo caso o tope máximo de 50 anos.
Maior Impulso ao sector náutico
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, subliñou o compromiso da Xunta de Galicia co sector náutico do que reseñou a súa importancia para o desenvolvemento económico e social do conxunto do litoral galego. Como proba deste maior impulso ao sector lembrou que os orzamentos de 2025 recollen por primeira vez unha partida específica para obras de mellora das instalacións náutico recreativas que ascende a 1,2 millóns de euros. Xunto a esta consignación económica, a modificación normativa que entrará en vigor á vez redundará no incentivo á actividade económica que se desenvolve nos portos de Galicia por parte das entidades e empresas que desenvolven o seu labor nos portos deportivos, que contarán con maiores garantías para os seus investimentos. Ademais, deste xeito, acompásase a normativa autonómica e a estatal para evitar que a lei galega puidese ser máis restritiva que a española.