Site icon Crónica3.com A Mariña

A Confraría de Celeiro conmemora o seu centenario cun acto cheo de emoción e tradición

Destacou a importancia do legado pesqueiro e cultural de Celeiro e das súas xentes

Celeiro, 21 de novembro, 2024. Este mércores, a Confraría de Pescadores ‘Santiago Apóstol’ de Celeiro celebrou o acto central do seu centenario, que congregou a autoridades, profesionais do sector pesqueiro e veciñanza nunha emotiva homenaxe ao seu século de historia e tradición mariñeira.

O evento, que comezou ás 11:00 horas no interior do edificio social da Confraría, foi inaugurado por Máximo Díaz, secretario da Confraría, e Alfonso Villares, conselleiro do Mar; acompañados polo patrón maior Domingo Rey; a xerente do GALP A Mariña-Ortegal, Rosana González; e la delegada territorial de Mar, Mariña Gueimunde. Durante a presentación, proxectáronse vídeos con testemuños de persoas vinculadas ao pasado e ao presente da vida mariñeira de Celeiro. De seguido, nas inmediacións da Confraría presentouse o mareógrafo construído con pezas de Sargadelos, instalado como símbolo do vínculo entre a tradición pesqueira e o patrimonio cultural da vila. Este reloxo de mareas representa un testemuño do pasado mariñeiro e unha aposta pola preservación do legado marítimo de Celeiro.

Outro dos momentos destacados foi a presentación oficial da exposición permanente ‘Celeiro: 100 anos de tradición pesqueira’ amenizada polo grupo musical Sons de Celeiro. Un percorrido único polos fitos máis importantes da historia mariñeira do pobo que inclúe elementos como maquetas de barcos emblemáticos, fotografías históricas, e pezas exclusivas como a acta fundacional e a medalla de ouro centenaria. Este espazo expositivo, aberto a partir de hoxe ao público, servirá de referencia para comprender e preservar a rica tradición mariñeira de Celeiro, facendo partícipes ás futuras xeracións do legado que levou á Confraría a cumprir un século de vida.

A continuación, as autoridades e asistentes tiveron a oportunidade de gozar dun showcooking dedicado a poñer en valor a pescada de Celeiro, produto estrela que reflicte a excelencia e o saber facer da frota local. Durante a demostración, puideron aprender unha maneira diferente de preparar este peixe, destacando a súa versatilidade e a súa importancia na gastronomía galega.

Con esta celebración, a Confraría reafirma o seu compromiso co futuro do sector pesqueiro e coa transmisión dos valores e tradicións que definen a comunidade mariñeira de Celeiro. A exposición poderá visitarse totalmente de balde no horario habitual da Confraría, ofrecendo tamén visitas guiadas para escolares e grupos.

Exit mobile version